O BNG considera que a Autoridade Portuaria debería cederlle a titularidade dos terreos ao Concello
A Coruña, 20 de novembro de 2014.- Ante a presentación esta mañá, por parte do Sr. Negreira e o Sr. Losada, dunha serie de obras no Dique de Abrigo e na contorna da Dársena de Oza, o BNG sinala que a ver cando Autoridade Portuaria lle cede a titularidade dos seus terreos desafectados á cidade da Coruña e a ver cando o Sr. Negreira lle solicita á Autoridade Portuaria a cesión destes bens, entre outros, A Mariña e O Parrote, logo dos investimentos públicos que está a facer o Concello da Coruña. As obras presentadas esta mañá fanse ao abeiro do convenio subscrito en outubro entre o concello e a Autoridade Portuaria, o cal, salientan as nacionalistas, ten como finalidade amparar legalmente as obras de remodelación do tramo das Ánimas para beneficio de Copasa e da Autoridade Portuaria. Un convenio, este, que ademais permite que Autoridade Portuaria aforre cáseque 4 millóns de euros en dez anos a conta do Concello da Coruña que se vai facer cargo dos gastos de mantemento e conservación destes espazos urbanos do porto.
As nacionalistas lembran que o convenio de colaboración entre Autoridade Portuaria e o Concello da Coruña para a xestión dos espazos urbanos do porto é un convenio para amparar legalmente as obras de remodelación do tramo das Ánimas para beneficio de Copasa e da Autoridade Portuaria. E é que tal como denunciou o BNG, o convenio de 1997 non amparaba as obras de remodelación do tramo das Ánimas, dado que a súa finalidade só era a restauración das murallas e a adecuación da súa contorna. Por esta razón, subscríbese este convenio de outubro, de xeito que se lle dera cobertura a estas obras de remodelación do tramo das Ánimas.
Ademais, con este convenio que ten como ámbito, entre outras zonas, o Dique de Abrigo e a contorna da Dársena de Oza, o BNG denunciou que Autoridade Portuaria vai aforrar cáseque 4 millóns de euros que asume o Concello da Coruña. E é que o custe anual de mantemento e conservación que asume o Concello da Coruña é de 381.669,65 euros, que multiplicados polos 10 anos de duración inicial do convenio suman un total de 3.816.696,5 euros.