O Goberno do Sr. Negreira pagou 15.000 a dúas radios para que entrevistaran concelleir@s
A Coruña, 20 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG vén de ter acceso a tres resolucións de Alcaldía que revelan pagos do Concello a dúas empresas radiofónicas cuxa xustificación non é outra que a de realizarlles entrevistas a concelleiros e concelleiras do Goberno do Sr. Negreira. Así, con cartos públicos, o Goberno municipal pagoulle a unha soa empresa 6.534 euros nunha factura e 3.920,40 euros noutra factura para emisión de entrevistas, no primeiro dos casos dise que a concelleiros e no segundo trátase da emisión de entrevistas sobre as actividades das festas de María Pita. Tamén se lle pagou a outra empresa 3.920,40 euros precisamente para información e entrevistas sobre as festas de María Pita. Xa anteriormente, as nacionalistas criticaran o gasto de 1960,20 euros para que un medio de comunicación da cidade entrevistara o alcalde con motivo do ascenso do Depor.
Estas resolucións de Alcaldía súmanse a outras sete que acordan aboarlle un total de 39.462,94 euros en concepto de publicidade a distintos medios de comunicación para difundir as actividades relativas ás festas de María Pita. Ademais, o Bloque tivo hoxe acceso a tres resolucións de Alcaldía nas que se ordena pagar 23.885,40 euros para publicidade do San Xoán.
Estes novos gastos dados a coñecer polo Bloque demostran a fonda preocupación do Sr. Negreira por vender a súa imaxe na Prensa e por transformar en propaganda a súa nula xestión á fronte do Concello da Coruña. Deste xeito, o Goberno local tira do manual de márketing do Partido Popular, sen importarlle dilapidar recursos municipais en publicidade, co fin de ocultar os graves recortes que acomete o PP desde as administracións que goberna.
Até cando van seguir aparecendo facturas das festas?
Ante estas novas resolucións de Alcaldía, as nacionalistas pregúntanse até cando van seguir aparecendo facturas que demostran gastos en festas. Lembra o Bloque que só o IMCE leva gastados 1.898.211 euros nas festas de María Pita (cartos aos que aínda hai que engadirlle un total de 14 concertos cuxo custo descoñecemos a día de hoxe, os gastos que achega o concello a través do Consorcio de Promoción para a Música, que realizou tres concertos, da Banda Municipal de Música e da Escola Municipal de Música, do laminado en madeira do escenario de María Pita, de máis publicidade...). Deste xeito, tal e como prognosticara o Bloque, as festas de María Pita custaron bastante máis de 2 millóns de euros.
O mesmo acontece cos gastos das festas de San Xoán, cuxo custo de 633.222,10 euros se ve incrementado logo de coñecermos estas novas resolucións.