O BNG-Asembleas Abertas móllase, máis unha vez, pola ría do Burgo
Candidatos e candidatas do BNG-Asembleas Abertas dos concellos localizados na ría do Burgo -entre eles o cabeza de lista da Coruña, Xosé Manuel Carril, e o de Culleredo, Ton Chouciño- fixeron unha travesía reivindicativa pola ría do Burgo en canoa para exixir o saneamento integral da ría, unha das prioridades que recolle o programa do BNG-Asembleas Abertas. Trátase dunha reivindicación pola que leva loitando o BNG nos últimos anos e que, amais de numerosas iniciativas en todas as institucións, motivou a visita da Comisión de Peticións do Parlamento europeo en febreiro de 2013.
Amais do percorrido reivindicativo en canoa dos e das candidatas nacionalistas, o BNG-Asembleas Abertas anuncia que, a petición da Confraría de Pescadores da Coruña, presentará un escrito na Coruña, Culleredo, Oleiros e Cambre sobre o Plano de Saneamento Local da ría do Burgo (presentado pola Xunta de Galiza en novembro de 2011 co obxectivo de que no horizonte de 2015 se puidese acadar un estado óptimo na ría, tal e como marca a Directiva marco da auga).
O BNG-Asembleas Abertas explica que o instrumento para desenvolver o plano de saneamento era un protocolo de colaboración para a execución das actuacións recollidas no Plan de Saneamento Local da Ría do Burgo, entre Goberno do Estado e as concellos ubicados na ría do Burgo (A Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros), do que se descoñece se foi asinado polos concellos afectados. Tamén se anunciara daquela unha Comisión de Seguimento, da que a día de hoxe nada se sabe.
Así, a formación nacionalista presentará nos catro concellos un escrito para solicitar que se achegue copia do citado protocolo; para que, en caso de non asinarse o protocolo, se dean as explicacións de por que non se asinou ese protocolo e para que se indique se o Concello ten representación oficial na Comisión de Seguimento e se informe da súa actividade e resultados desde a súa creación. Neste escrito, tamén se solicitará a convocatoria da Comisión de Seguimento, de existir, para avaliar a posibilidade de conseguir o obxectivo de obter un estado óptimo da ría do Burgo en 2015, tendo en conta que falta a fase final de limpeza dos locos e que xa estamos chegando a medidos do ano marcado como meta.