O BNG-Asembleas Abertas acometerá unha trintena de actuacións para garantir a igualdade de xénero
A Coruña, 2 de maio de 2015.- Co fin de garantir o dereito á igualdade de xénero, o BNG-Asembleas Abertas recolle no programa electoral unha trintena de actuacións encamiñadas a acabar coa violencia machista e co feminicidio a través da xustiza social, amais de medidas en materia de emprego e de mocidade.
Como actuacións específicas para acabar coa violencia de xénero, o candidato do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, propón, entre moitas outras medidas, reforzar os sistemas de prevención e detección precoz; fortalecer a formación do persoal do Concello que atende o público para garantir o acceso rápido e eficaz aos recursos; crear un grupo estábel de coordinación de recursos que faga un seguimento das incidencias ou das melloras que se deban incorporar en protocolos e recursos de atención ás vítimas; promover unha rede social de apoio ás vítimas; coidar toda a cartelaría e imaxes que se difundan desde o Concello, reparando en que sexan imaxes respectuosas e que non invisibilicen as mulleres, así como exixirlles ás entidades que reciban axudas que tamén empreguen a paridade ou as acción positivas nas imaxes e nos textos.
En materia de acceso ao emprego e representación, Carril salienta, entre outras, a promoción da autoorganización das mulleres e da súa participación social a través da creación do Consello Municipal das Mulleres con presenza de asociacións femininas e vogalías da muller; a paridade no estabelecemento de nomes para as novas rúas e o impulso dun programa específico de emprego feminino considerando as competencias municipais (cláusulas de acción positiva no acceso ao emprego público, información específica de emprego para mulleres que o están a buscar e empresas sobre os beneficios pola contratación de mulleres e incentivos á concesión de microcréditos e outras actuacións de financiamento de iniciativas empresariais lideradas por mulleres. O candidato do BNG-Asembleas Abertas aposta pola promoción e colaboración na nos planos de igualdade nas empresas da cidade, pola promoción da contratación de mulleres e por programas de capacitación das mulleres en actividades tradicionalmente masculinas ou ás que elas teñen menos acceso e programas de capacitación para os homes en actividades tradicionalmente femininas.
No que respecta á corresponsabilidade e conciliación, o cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas apostar por reforzar o servizo de canguros municipal e as medidas de conciliación en colaboración con outros axentes (escolas, empresas, sindicatos...), así como pola creación dun premio de boas prácticas de conciliación para pequenas e medianas empresas do concello.
Respecto da mocidade, Carril salienta medidas como a potenciación da inserción laboral das mozas, eliminando as barreiras e estereotipos sobre a división sexual do traballo a través da oferta de cursos destinados a mulleres sobre profesións masculinizadas. Tamén salienta a importancia de incentivar a práctica deportiva das mozas a través de diferentes estratexias en colaboración coa Concellaría de Deportes, así como fomentar actividades onde as mozas sexan suxeitas activas de creación cultural e mais iniciativas e obradoiros, nomeadamente nos institutos, de prevención do machismo e de superación e deconstrución das diferenzas de xénero.
Atendendo á transversalidade da igualdade, o candidato do BNG-Asembleas Abertas propón un uso eficiente dos horarios de apertura ao público, así como nun uso igualitario dos espazos públicos da cidade; a incorporación nos orzamentos de 2016 dun informe completo de impacto de xénero no camiño de rematar o mandato con orzamentos de xénero que incorporen esta visión a todas as medidas dirixidas á veciñanza da Coruña e un un informe de impacto de xénero naquelas ordenanzas que afecten directamente a persoas.
Ademais, Carril salienta a necesidade de introducir nas escolas infantís municipais a perspectiva de xénero como prioridade, para traballar a prol da eliminación dos estereotipos de xénero coas familias e coas crianzas desde as primeiras idades.