Carril reivindica o dereito á igualdade e á non discriminación das persoas pola identidade sexual
A Coruña, 3 de maio de 2015.- O candidato do BNG-Asembleas Abertas na Coruña, Xosé Manuel Carril, reivindica o dereito á igualdade e á non discriminación das persoas pola súa orientación sexual e pola súa identidade de xénero, de aí que a formación nacionalista vaia aplicar medidas que avoguen pola normalización social do feito gay, lésbico, bisexual, transexual e intersexual.
Entre as actuacións recollidas no programa electoral para conquistar a igualdade real e a normalización social, Carril salienta o apoio e compromiso coa reivindicación da igualdade legal e co respecto social cara á diversidade afectivo-sexual, a sensibilización e a denuncia nos casos de discriminación. Tamén aposta por recuperar o servizo de información, orientación e apoio ao colectivo LGTBI e por reforzar o coñecemento e a formación do persoal do Concello sobre a comunidade LGTBI, para garantir unha atención desde a súa diversidade e a igualdade.
As nacionalistas observan con alarma o cuestionamento de todo o que se afaste do modelo heteropatriarcal e que combata un sistema que criminaliza a diversidade e a liberdade para decidir. De aí que aposten por que o Concello manifeste o seu apoio máximo ás reivindicacións da comunidade de lesbianas, gays, bisexuais, transexuais e intersexuais nun contexto cunha fonda involución democrática e co ataque constante aos dereitos conseguidos tras décadas de loita.
Neste sentido, Carril avoga por levar a cabo medidas activas que persigan o fin da discriminación pola orientación sexual, cos obxectivos de educación na igualdade e no respecto e a posta en valor da diversidade, no apoio as persoas vítimas de discriminación, na colaboración con entidades LGTBI... Por iso entende que o Concello ten que adoptar un papel fundamental na integración e na normalización da comunidade LGTBI, garantindo o dereito de todas as persoas a seren tratadas con respecto independentemente da súa orientación ou identidade sexual.