A solución do Ofimático é a solución das persoas cooperativistas e das desaloxadas

A solución do Ofimático é a solución das persoas cooperativistas e das desaloxadas

A Coruña, 19 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG sinala que a solución do Ofimático ten que estar en dar solución ás necesidades de vivenda das persoas cooperativistas e ás necesidades de realoxo das persoas desaloxadas e non no interese das grandes promotoras, que son as que están a marcar o ritmo de execución das obras de urbanización do Ofimático. Así, as nacionalistas, instan o Goberno do Sr. Negreira a que se posicione nidiamente para evitar prexudicar máis as desaloxadas e as cooperativistas.

O Grupo Municipal do BNG sobrancea a actitude do Goberno municipal coas persoas desaloxadas, contra as que actúa con apremio e contundencia para que abandonen o seu fogar, malia non teren onde vivir, que contrasta coa actitude branda que mantivo até hoxe coa Xunta de Galiza e coas promotoras. Aluden, as nacionalistas, entre outros, ao caso do octoxenario, que xa ten marcada unha data para executar a orde de derrubo e que demostra o desleixo do Goberno municipal co colectivo de desaloxadas.

O Grupo Municipal do BNG lembra que o alcalde asinou un decreto para que se actúe por vía xudicial e se desaloxe as familias que residen aínda no Ofimático cando non teñen alternativa ningunha de vivenda estábel e cando o Goberno municipal non lles deu solución conxunta ningunha. No decreto anotado no libro de resolucións da alcaldía o 28 de febreiro de 2013 o Goberno do Sr. Negreira desestimaba as alegacións, entre outras, sobre indefensión e dereito de realoxo e sobre petición de suspensión da execución de orde de desaloxo.

A solución do Ofimático é a solución das persoas cooperativistas e das desaloxadas