Avia Veira acusa o Goberno municipal de seguir o ritmo que lle marcan os promotores no Ofimático
A Coruña, 17 de maio de 2013.- A piques de esgotarse o prazo do contrato de obras de urbanización do Sector 10, Parque Ofimático, o Goberno do Sr. Negreira aprobou onte en Xunta de Goberno Local prorrogar, en 12 meses, este prazo, até o 21 de maio de 2014. A causa do atraso, advirte a concelleira do BNG Avia Veira, non son nin as necesidades de vivenda das persoas cooperativistas nin as necesidades de realoxo das persoas desaloxadas, senón o interese dos promotores, que son os que están a marcar o ritmo de execución das obras de urbanización do Ofimático.
A edila do BNG pon de manifesto que non se van cumprir os prazos das obra e que o Ofimático se está a construír ao ditado dos intereses dos promotores, sen que o Goberno municipal teña en conta as persoas cooperativistas nin as persoas desaloxadas. Precisamente, Avia Veira volve denunciar a actitude do Goberno do Sr. Negreira coas persoas desaloxadas, contra as que actúa con apremio para que abandonen o seu fogar, malia non ter onde vivir. Alude, entre outros, ao caso do octoxenario do que se fan eco os medios de comunicación e que demostra o desleixo do Goberno municipal co colectivo de desaloxadas. De feito, a edila do BNG lembra que o alcalde chegou a asinar un decreto en que solicita a orde de desaloxamento destas persoas e négase a darlles unha solución conxunta.
O interventor advirte de que o financiamento procede de cotas de urbanización
Ademais, a concelleira nacionalista sinala que na Xunta de Goberno Local que tivo lugar na mañá de onte acordouse, en consecuencia, reaxustar as anualidades do contrato conforme ao prazo de execución prorrogado. Alude Veira neste punto ao informe de Intervención, que apunta para ello deberá tenerse en cuenta el importe del contrato pendiente de ejecutar y el nuevo plazo finalmente establecido, debiendo remitir la citada información a la Oficina Presupuestaria para que tramite la oportuna modificación presupuestaria, teniendo en cuenta que la financiación procede de cuotas de urbanización que han de abonar los propietarios del ámbito y que se han de acompasar al nuevo plazo de ejecución de la obra. Así, tal e como recolle o interventor no informe, o financiamento das obras depende das cotas de urbanización, unhas cotas, insiste Avia Veira, que nin a Xunta de Galiza nin os promotores están a satisfacer.
Por último, Avia Veira alude ás chapuzas urbanísticas do Goberno municipal coas obras do Ofimático. Sinala que as trapalladas do Goberno do Sr. Negreira fan que o do Ofimático sexa o conto de nunca acabar. Critica, ao respecto, que o Goberno municipal aprobara primeiro o Estudo de Detalle das rasantes e máis tarde, o Plan Parcial para axustalo ao Estudo de Detalle, cando a tramitación debería ser á inversa, tal e como reclamara o BNG, ou que o Goberno do sr. Negreira tivese, a instancias do BNG, que publicar posteriormente no BOP o contido normativo do Estudo de Detalle de reaxuste de rasantes dos viarios no Ofimático, unha vez que xa publicara no BOP o acordo de aprobación definitiva do Estudo de Detalle mais sen contemplar o contido normativo deste estudo e, por tanto, deixalo incompleto e sen eficacia xurídica.