O BNG advirte da improvisación do Goberno do Sr. Negreira nas obras das Conchiñas
A Coruña, 14 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia a improvisación do Goberno do Sr. Negreira nas obras das Conchiñas, despois de decidir, no mes de xullo, ampliar a encomenda a EMVSA para incluír a execución de obras de urbanización dos viais colindantes da praza das Conchiñas (rúa Fuente Álamo, Corcubión e Avenida das Conchiñas). En relación á ampliación desta encomenda, aprobada en Xunta de Goberno Local de 11.07.2014, o BNG puxera de manifesto que o propio interventor alertaba no seu informe da falta dun proxecto técnico que garantise poder certificar e aboar as obras.
Precisamente, esta encomenda viña precedida da elaboración dun Proxecto de Urbanización Medioambiental da Avenida das Conchiñas. Malia custar, 14.520 euros, este estudo ficou, finalmente, en papel mollado.
Improvisación no número de prazas do aparcadoiro
Outra mostra da improvisación do Goberno do Sr. Negreira en relación a estas obras ten a ver coa ampliación dun 25% das prazas do aparcadoiro. As nacionalistas lembran que as contas anuais de EMVSA recollen no seu informe de xestión de 2013 que tan só hai reservadas 40 prazas, das 116 proxectadas para a concesión ou aluguer (a memoria de xestión de 2012 falaba que tiña reservadas 72 prazas).
Cos datos que se teñen a día de hoxe, a decisión de ampliar o aparcadoiro é unha ocorrencia máis do Partido Popular que supón un custe maior e unha ruína para EMVSA, xa que como sinala o informe de xestión a construción do aparcadoiro necesita financiamento adicional. A este respecto, o BNG advirte do saldo negativo de 123.294,76 euros de EMVSA e da situación económica delicada e de falta de solvencia motivada polas múltiples e variadas encomendas, moitas das cales non lle deberían corresponder. De feito, no seu informe de xestión de 2013, anúnciase que EMALCSA adquirirá o 49% do capital de EMVSA.