@ secretari@ xeral poderá ser cesad@ discrecionalmente se é elixid@ a través da libre designación
A Coruña, 13 de agosto de 2014.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a persoa que ocupe o posto da Secretaría Xeral do Concello poderá ser cesada cando o Goberno do Sr. Negreira o estime oportuno se é elixida mediante a libre designación tal e como aprobou a Xunta de Goberno Local do pasado venres. No seu artigo 80, a Lei 7/2007, de 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público recolle que os titulares dos postos de traballo provistos polo procedemento de libre designación con convocatoria pública poderán ser cesados discrecionalmente.
O Grupo Municipal do BNG sinala que, na medida en que se trata de postos con especial responsabilidade e confianza, a libre designación non garante a independencia nin a liberdade da persoa que ocupa o posto. E é que a ameaza que pesa sobre o seu cargo pode provocar unha perda de neutralidade e de autonomía á hora de acometer o seu labor, como por exemplo á hora de redactar informes á carta en lugar de redactar informes independentes, obxectivos e neutrais, gusten ou non gusten a quen goberne. Lembra o BNG que o posto da Secretaría Xeral é clave na administración local e ten que ser necesariamente independente no exercicio do seu cargo.
As nacionalistas insisten en exixir que a praza da nova secretaria ou secretario do Concello sexa dotada mediante o correspondente concurso de provisión e non a través do procedemento da libre designación. O artigo 92.bis.6 da Lei de Bases de Réxime Local (Lei 27/2013) indica que en todo caso, o concurso será o sistema normal de provisión de postos de traballo e engade que só excepcionalmente eses postos de traballo poderán cubrirse polo sistema de libre designación. O BNG critica que a documentación aprobada en Xunta de Goberno en ningún momento xustifica os motivos sobre os que basearía esa excepcionalidade.