O BNG advertiulle ao Goberno de que a súa estratexia procesual no Conde de Fenosa era errónea
A Coruña, 13 de xullo de 2014.- A estratexia procesual do Goberno Local no edificio Conde de Fenosa que acaba de tombar o Tribunal Supremo foi errónea na formulación do incidente de inexecución da sentenza desde o principio e así llo fixo ver o Grupo Municipal do BNG, que sempre defendeu que o incidente de imposibilidade material de executar a sentenza era viábel xuridicamente, pero a condición de que se probase dita imposibilidade. E o que fixo o Goberno Municipal foi xustamente o contrario, probar que a demolición era tecnicamente posíbel.
As nacionalistas xa lle advertiran ao Goberno Local que non estaba a formular correctamente este incidente en sendos escritos de outubro de 2012, logo de ter coñecemento polos medios de comunicación dos dous informes periciais encargados e pagados polo Goberno Local.
No primeiro deles, de 2 de outubro, as nacionalistas sinalaban que a formulación do incidente por imposibilidade material de execución da sentenza se tiña que facer conforme aos requisitos e esixencias que a propia xurisprudencia establecía para estes casos, sinaladamente que a reposición do edificio era contraria á equidade, e que os informes periciais encargados e pagados polo Goberno Local pouco ou nada aportaban neste sentido, senón todo o contrario. E no segundo deles, de 9 de outubro de 2012, os nacionalistas insistían no mesmo, ao afirmaren que a formulación do incidente por imposibilidade material estaba a ser erroneamente formulado e defendido por parte do Goberno Local.
O BNG lembra ao respecto que na práctica de proba ante o TSXG o arquitecto Javier Estévez Cimadevila (contratado polo Concello), e en resposta a unha das preguntas da parte demandante, en relación con si era posíbel a demolición parcial, respostou o seguinte (segundo consta na acta da proba) : "Que tecnicamente es posible, pero no lo considera aconsejable". En consecuencia, o arquitecto contratado polo Concello o que probou era que a demolición era posíbel, o contrario da imposibilidade material que se pretendía.
A Sentenza do Tribunal Supremo non só tomba a estratexia procesual do Goberno Local, senón que ademais pon de manifesto que os informes periciais, froito da ocorrencia disparatada do propio Goberno Local, dicían que a demolición parcial do edificio Conde de Fenosa era tecnicamente posíbel, de modo que certificaban que, aínda que moi custosa e complexa, era posíbel executar materialmente a sentenza de demolición do edificio.
Por último, o BNG precisa que no suposto do edificio Fenosa non concorre causa algunha de responsabilidade material. En primeiro lugar, porque a promotora, Fadesa, era perfectamente coñecedora da ilegalidade do proxectado (unha rehabilitación integral nun edificio fóra de ordenación); e, en segundo lugar, porque o edificio executado non se axusta ás licenzas outorgadas, polo cal ráchase a relación de causa-efecto entre a anulación da licenza e a responsabilidade patrimonial municipal.