A peonalización da Cidade Vella, un negocio para os aparcadoiros privados
A Coruña, 13 de xullo de 2014.- Se o Goberno Municipal sinala que o Plan de Peonalización da Cidade Vella, que explicou onte a concelleira de Mobilidade á veciñanza e aos comerciantes, segue as directrices do PMUS e do PEPRI inicialmente aprobado, non hai dúbida, manifestan o Grupo Municipal do BNG, que é un negocio exclusivamente para os aparcadoiros de pago.
A falta de coñecer o documento do Plan de Peonalización, as nacionalistas, lembran que as medidas de peonalización contempladas no PMUS e no PEPRI aprobado inicialmente non están pensadas para a mobilidade dos peóns, senón para o negocio dos aparcadoiros en superficie (ORA) e dos aparcadoiros de pago, sinaladamente o do Parrote de Copasa.
As nacionalistas salientan que as directrices destes dous documentos están encamiñadas non para eliminar o tráfico de vehículos senón para reordenar a circulación e reconducilo para os aparcadoiros que hai que pagar. Así proponse unha reordenación da circulación viaria, aproveitando os multimillonarios túneles da Mariña-Parrote, ao mesmo tempo que se fai unha nova distribución dos aparcadoiros na rede viaria e se deriva aos aparcadoiros de pago, en concreto, aos soterrados e de nova creación como o do Parrote.