O BNG adhírese ás peticións da CRMH sobre a retirada da simboloxía franquista e fai súa a moción
A Coruña, 27 de xaneiro de 2015- O Bloque Nacionalista Galego da Coruña adhírese e subscribe unha por unha as peticións da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) para a eliminación da simboloxía franquista. En consecuencia, o Grupo Municipal do BNG fai súa a moción da CRMH e anuncia que a levará ao pleno ordinario de febreiro. As nacionalistas esperan que o Goberno do Sr. Negreira deixe por fin de poñerse do lado dos verdugos e permita o debate da iniciativa, así como a súa aprobación.
Deste xeito, o Grupo Municipal do BNG reclamará no pleno de febreiro a supresión da simboloxía franquista xa aprobada na sesión plenaria de 7 de setembro de 2009 acordárase eliminar un total de 52 símbolos franquistas: 23 rúas, nomes e placas de 4 grupos de vivendas, 21 distincións honoríficas e 4 monumentos, placas e escudos. Lembran as nacionalistas que algún destes símbolos xa foron retirados. Ademais, o BNG reclamará a retirada doutros símbolos franquistas, como retratos dos alcaldes franquistas, dos nomes de CEIP franquistas e de distincións honoríficas como a de fillo adoptivo a Manuel Fraga, entre outros. A moción complétase cunha serie de recoñecementos ás persoas vítimas da ditadura.
O Sr. Negreira empregou ao longo do seu mandato todo tipo de resortes para non condenar o golpe de estado e a ditadura de Franco e para non retirar a simboloxía franquista da Coruña
O BNG lembra que o Goberno do Sr. Negreira impediu o debate de cantas mocións presentaron as nacionalistas en relación coa memoria histórica. Xa en setembro de 2011, o Sr. Negreira tombaba a moción presentada polo BNG, a instancias da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, para condenar a ditadura franquista e para retirarlle honras e distincións a fascistas e mais a simboloxía franquista da cidade, entre outras cuestións. O 23 de decembro de 2013, o PP impedía o debate doutra moción na que o BNG reclamaba, a instancias da CRMH, a adhesión do Concello á querela arxentina contra os crimes do franquismo e que reclamaba a condena da sublevación fascista e da ditadura posterior, así como o papel desenvolvido polas oligarquías agraria, industrial e financeira e pola xerarquía da Igrexa católica.
Ademais de rexeitar as mocións, o Goberno do Sr. Negreira negouse a recorrer a sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número 3, do 1 de xullo do 2011, que obrigaba devolverle o título de fillo predilecto a Millán Astray e negouse tamén a aceptar un voto particular presentado polo Bloque ao respecto. O Sr. Negreira tamén ocultou, intencionadamente, a existencia da resolución do Xulgado Contencioso Administrativo número 1, do 28 de abril do 2011, que confirmaba a legalidade da actuación de retirarlle todos os honores e distincións a Millán Astray.