As terrazas cuxa solicitude aínda non está resolta están xa operativas?
A Coruña, 28 de xaneiro de 2015- En relación á privatización da xestión da tramitación administrativa das solicitudes de instalación das terrazas en espazo público rexistradas o ano pasado, denunciada onte polas nacionalistas, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a gran pregunta é se esas terrazas para as que se solicitaron o ano pasado a licenza e cuxo trámite non foi resolto están xa operativas e se se recadou por elas ou aínda non. A concelleira Avia Veira interpelaba o Goberno do Sr. Negreira na sesión plenaria do 23 de decembro de 2013 sobre a aplicación desta normativa que entrou en vigor o 14 xuño de 2013 e acusábado de permitir que estabelecementos hostaleiros instalasen as terrazas sen a autorización a pesar de que ao propio Goberno local lle constaban denuncias de veciños e veciñas e era consciente de que os locais non tiñan permiso.
Precisamente, no citado pleno, a edila do Bloque denunciaba que os servizos de tramitación de licenzas estaban saturados e que o Goberno do Sr. Negreira non estaba a reforzar con máis persoal ese departamento. Lembraba Avia Veira que unha vez aprobada a ordenanza o Goberno local se comprometera a dotar de máis traballadores e traballadoras municipais o servizo que xestiona as licenzas da instalación de terrazas na vía pública. Porén, no canto de que sexa o órgano municipal competente quen tramite as solicitudes de terrazas, tal e como sinala o art. 28.1 do capítulo IV da ordenanza.
O BNG acusa o Sr. Negreira de adelgazar a administración local con máis privatizacións
O Grupo Municipal do BNG denuncia que a privatización da xestión da tramitación administrativa das solicitudes de instalación das terrazas en espazo público responde ao furor privatización do Sr. Negreira e únese á vaga de externalizacións que o PP está a acometer nos últimos tempos para adelgazar a administración local. Así, esta privatización súmase á externalización da xestión das multas; da intervención e control técnico de dependencias municipais; da elaboración de normativas municipais; da redacción de pregos técnicos, plans, anteproxectos e proxectos básicos e de execución; da elaboración de informes técnicos... A teima do Sr. Negreira por privatizar abrangue mesmo a organización de actos de entrega de diplomas.
Con estas externalizacións, o Goberno do Sr. Negreira malgasta cartos públicos en encargarlle tarefas a empresas privadas que podería facer o propio persoal técnico do Concello, sobradamente cualificado e, ademais, descapitaliza as arcas públicas. Denuncian as nacionalistas que é máis custoso que este tipo de labores os faga unha empresa privada que o propio persoal municipal.