O BNG acusa o Sr. Negreira de incumprir a normativa sobre os vados
A Coruña, 4 de maio de 2015.- O Grupo Municipal do BNG acusa o Goberno do Sr. Negreira de permitir o incumprimento reiterado da normativa que regula a expedición de licenzas de reserva de espazo de entrada e saída de vehículos (vados). Precisamente, o BNG, a instancias de veciños e veciñas, xa en maio de 2013 presentara unha iniciativa na que denunciaba a existencia de placas coa licenza caducada e o Goberno local contestaba que es conocedor de la situación de los vados.
As nacionalistas lembran que a ordenanza reguladora dos vados recolle no seu capítulo IV, artigo 12.b que a placa de sinalización do vado deberá indicar obrigatoriamente a vixencia do vado, na que debe constar o ano en curso. Ademais, a citada ordenanza recolle no apartado 16.c que a licenza poderá ser revocada por carecer da sinalización adecuada.
Porén, hai numerosísimos vados na cidade coa placa de licenza caducada. Isto provoca que condutores e condutoras estacionen os seus vehículos diante destas entradas e saídas, un estacionamento que deriva, en ocasións, en multas da policía local a pesar da placa coa licenza caducada.