O BNG-Asembleas Abertas creará un banco público de vivendas para moz@s e un albergue xuvenil
A Coruña, 5 de maio de 2015.- Avia Veira, número 4 da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, e Anxo Sánchez, número 5, presentaron esta mañá en declaracións aos medios as principais actuacións recollidas no programa electoral para garantir unha vida digna aos mozos e ás mozas en materia de dereito á vivenda e ao aloxamento; emprego; servizos e protección social; creación e cultura alternativa; asociacionismo e feminismo e interculturalidade. Fixérono, simbolicamente, diante da estación do tren, para denunciar a emigración á que se ve avocada a xuventude por non dispór de medios de vida na Coruña.
Entre as medidas que aplicará o BNG-Asembleas Abertas para mellorar a calidade de vida da xente nova, Anxo Sánchez salientou a creación dun banco público de vivendas baleiras xestionadas por EMVSA tanto de propiedade de particulares como do Concello- para a súa oferta en réxime de aluguer asequíbel para a mocidade. Tamén destacou a posta en marcha dun albergue xuvenil de carácter público que pertenza ás redes internacionais de albergues. Deste xeito, sinalou, fomentarase un turismo de xente moza activo, cultural, deportivo e do coñecemento entre as distintas realidades xuvenís do mundo. Ademais, anunciou que se reforzará o Servizo de Vivenda do Centro Municipal de Información Xuvenil e promoverase que non se persigan os espazos baleiros e /ou ruinosos ocupados e autoxestionados pola mocidade, como xermolo da contracultura.
O número 5 do BNG-Asembleas Abertas, que como tantos mozos e mozas se atopa no desemprego, subliñou a elaboración dun plano de emprego xuvenil centrado en que a mocidade encontre o seu primeiro emprego en condicións laborais dignas e a creación dun servizo de información, orientación e asesoramento laboral no Centro Municipal de Información Xuvenil en coordinación co Servizo Municipal de Emprego. A inclusión de oficio en todos os pregos de contratación administrativa de cláusulas sociais que prioricen as empresas licitadoras que fagan esforzos en contratación de mocidade é outra das medidas que aplicará o BNG-Asembleas Abertas en materia de emprego para a xente moza, tal e como indicou Anxo Sánchez.
Apertura de salas de estudo con horario ampliado e creación da asemblea da mocidade
Pola súa banda, Avia Veira salientou a necesidade de pór os medios cos que conta o Concello ao servizo da mocidade e sinalou que o BNG-Asembleas Abertas garantirá a apertura de salas de estudo en infraestruturas municipais cun horario ampliado en época de exames; elaborará un censo de creadores e creadoras xuvenís cinxidos á mocidade e potenciará as salas de ensaio co fin de visibilizar a actividade que nelas se desenvolven, levando os proxectos a distintos puntos da cidade.
A candidata nacionalista tamén falou da importancia de que a mocidade participe das decisións e da vida pública do Concello e por iso anunciou a creación dun foro de debate xuvenil permanente sobre diversos temas sectoriais que lle afecte á mocidade e sobre cuxas condicións deberá traballar o goberno municipal e a convocatoria dunha asemblea da mocidade, coa presenza de representantes da Concellaría de Mobilidade, onde poderá participar todo veciño ou veciña da Coruña menor de 30 anos para formular ideas, queixas ou propostas de xeito directo.