O BNG acusa o PP de actuar a golpe de represión policial pola presenza de preferentistas no Concello
A Coruña, 6 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG acusa o Partido Popular de actuar a golpe de represión policial no Concello da Coruña debido á presenza de menos dunha decena de persoas estafadas pola fraude das preferentes nas dependencias de María Pita. As nacionalistas denuncian que veciños e veciñas que pretendían acceder á oficina do Grupo Municipal do BNG tiveron que quedar fóra do concello por supostos "motivos de seguridade". De feito, as concelleiras que accederon á oficina adscrita ao Grupo Municipal do BNG tiveron que entrar no consistorio coruñés por unha das portas laterais, ao non permitírselle á entrada pola porta habitual.
As nacionalistas apelan ao dereito da veciñanza a acceder e ser atendida nas oficinas dos Grupos Municipais do Concello da Coruña e advirten da excesiva presenza policial ao longo da xornada de hoxe nos corredores de María Pita, así como das esaxeradas medidas de seguridade adoptadas polo Goberno do Sr. Negreira pola presenza de menos dunha decena de persoas estafadas con preferentes.
O Grupo Municipal do BNG, que anuncia a presentación dunha queixa formal no Concello, censura a actitude do alcalde na sesión plenaria desta mañá, cando mandou desaloxar as persoas estafadas simplemente por expresar "vostedes estaban gobernando". As nacionalistas lamentan que o Sr. Negreira e os seus concelleiros pretendan resolver o roubo das quitas, que o mesmo PP provocou, con policía.