O BNG lamenta a desidia do Goberno municipal malia saber que hai 904 persoas máis no paro
A Coruña, 7 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lamenta a desidia do Goberno do Sr. Negreira malia coñecer os últimos datos do paro, que indican que na cidade hai 904 persoas máis en situación de desemprego que hai un ano. De feito, mentres o paro experimentou unha anecdótica caída no conxunto do Estado, en Galiza e na provincia, na cidade da Coruña nin sequera se deu ese descenso puntual e o paro aumentou en 71 persoas respecto do mes de marzo até chegar ás 24.353 persoas.
As nacionalistas insisten na urxencia de cambiar radicalmente as políticas e en apostar polos sectores produtivos da nosa cidade. Sinalan que na Coruña e na comarca temos exemplos das medidas nefastas do partido que preside na provincia o Sr. Negreira e que nos levan á desindustrialización e o desmantelamento do tecido produtivo. Así, as nacionalistas aluden á perda de postos de traballo en Santa Bárbara e ás ameazas da destrución de emprego en Caramelo e Atento e á incerta situación en Teleperformance. Precisamente, o BNG levou ao Pleno municipal unha iniciativa para para que o Concello da Coruña apoie as reivindicacións das traballadoras de Teleperformance e para que adopte as medidas oportunas para evitar os despedimentos de 105 postos de emprego.
O Grupo Municipal do BNG apela a que o pobo se mobilice para demandarlle ao Partido Popular un cambio de rumbo, cunha política que teña como máxima prioridade a xeración de postos de traballo e a loita contra o desemprego. Nesta liña, as nacionalistas lembran que o partido do Sr. Negreira goberna en todas as administracións e consideran que o alcalde non pode ficar de brazos cruzados ante o esmorecemento de centos de postos de traballo na Coruña, que vai camiño de se converter nunha fábrica de parados e paradas. Así, as nacionalistas chaman o alcalde a defender, con unllas e dentes, os intereses da clase traballadora e non da patronal e a apoiar as reivindicacións das traballadoras que sofren conflitos laborais na actualidade, como é o caso de Teleperformance.