Os axentes de Aduanas seguirán indo ao concello mentres o Goberno non entregue toda a documentación
A Coruña, 28 de febreiro de 2014.- O Grupo municipal do BNG sinala que os axentes de Aduanas seguirán indo ao concello a recoller información solicitada pola instrutora da operación Pokémon, mentres o Goberno Local non entregue toda a documentación do Grupo Vendex que consta en dependencias municipais. E é que o normal sería, baixo esa teórica vontade de colaboración do Sr. Negreira coa xuíza, que se tivese enviado todo ao Xulgado.
Así, as nacionalistas lembran que o 3 de outubro de 2012 solicitáranlle ao alcalde por escrito que enviase ao Xulgado toda a documentación íntegra de todos os expedientes tramitados nos procedementos administrativos de outorgamento das concesións das que resultase adxudicataria algunha das sociedades do Grupo Vendex (pregos de condicións administrativas, informes técnicos municipais, actas de mesas de contratación, acordos de adxudicación...), especialmente da relativa aos servizos da ORA e da retirada de vehículos municipal, así como que remitise toda a contabilidade das contas da concesionaria que obrasen en dependencias municipais. Algo, isto, sinalan as nacionalistas, que o Alcalde non debeu de facer visto que os axentes de Aduanas voltaron esta semana de novo polo concello para recolleren información solicitada pola instrutora.
Alén disto, e sobre a contabilidade das concesións dos servizos da ORA e do guindastre, as nacionalistas lembran que presentaron unha moción o 1 de outubro de 2012 solicitando a constitución dunha comisión de investigación sobre as concesións outorgadas ao grupo Vendex, que entre os seus cometidos, ademais de investigar e depurar responsabilidades políticas, estaba coñecer na súa integridade e de maneira moi exacta como eran estas concesións e como era a contabilidade destas empresas, especialmente das que prestan os servizos da ORA e da retirada de vehículos. Moción que non foi adiante porque o Partido Popular se opuxo.