O Goberno Local deixa sen unha actividade a numerosas familias de Monte Alto e sen explicacións
A Coruña, 1 de marzo de 2014.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno Local deixou hoxe sen ningunha explicación a numerosas familias de Monte Alto que se achegaron na mañá de hoxe para participar nos obradoiros infantís de cociña, e que non se chegaron a desenvolver, dentro da iniciativa Cheque Chef organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego. E é que esta actividade encadrada dentro do Fórum Cidade non se realizou e as familias que alí asistiron non recibiron ningunha explicación de ninguén do Concello, organizador do evento, nin da Asociación de Comerciantes y Vecinos de Monte Alto que foi a que repartiu os tickets de entrada.
Á actividade, dirixida a nenas e nenos de entre 6 e 14 anos, podían asistir aqueles que tiñan un ticket de entrada conseguido nas tendas e comercios asociados á Asociación de Comerciantes de Monte Alto ao realizaren unha compra. Algúns dos comerciantes desta entidade sinalaron ás familias que a responsabilidade da realización do evento era única e exclusivamente do concello.
O BNG solicítalle ao Goberno local que clarexe esta situación e que pida desculpas ás familias que alí estiveron coas súas crianzas e que marcharon sen ningunha explicación de por que razóns non se desenvolvía o obradoiro.