O BNG demándalle ao Goberno Municipal que reforme e acondicione a rúa Observatorio
A Coruña, 19 de febreiro de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego presentará no vindeiro Pleno do Concello da Coruña un rogo escrito no que lle demandará ao Goberno local que atenda as reivindicacións veciñais acerca dos problemas e das necesidades de mobilidade e accesibilidade das veciñas e veciños que viven na contorna e na rúa Observatorio.
A veciñanza do Observatorio iniciou unha recollida de sinaturas dirixidas ao tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado para facerlle chegar as súas necesidades.
As nacionalistas recollen a denuncia de que as beirarrúas, de 70 centímetros, teñen moi pouca ou ningunha utilidade sobre todo tendo en conta que con esas dimensións, debido a cercanía entre os portais e os coches estacionados, resulta moi complicado saír á rúa desde o portal cun carro da compra, unha cadeira de rodas ou un carro de bebé, por non falar dunha padiola. Diante destas características que dificultan o seu uso, moitas veciñas e veciños acaban optando por empregar a calzada. Todo isto, agravado pola circunstancia de que se trata dunha poboación envellecida.
No propio escrito de sinaturas, a veciñanza propón que o número de prazas de estacionamento das que se precisaría prescindir serían nove para levar adiante a reforma e o acondicionamento da rúa que eles solicitan. De feito, o seu desexo é que se reforme e acondicione a rúa para facela máis accesíbel ao xeito da rúa Cuba, cuxas obras acaban de rematar.