Avia Veira: Somos ricas en recursos e só sairemos desta se soltamos o lastre da UE e do Estado"
A Coruña, 9 de xullo de 2013.- O BNG da cidade da Coruña comezou na tarde de hoxe os actos públicos da campaña do Día da Patria, que terán lugar nos barrios da cidade até o 25 de xullo baixo o lema Galiza pola Soberanía. Nesta primeira das asembleas abertas, centrada no problema do desemprego, interviron, ademais do representante da Asemblea de Parad@s da CIG, Duarte Abad, e da responsábel do Grupo de Barrio do BNG nos Mallos, Águeda Rei, a concelleira Avia Veira, quen apelou á necesidade de construírmos o noso futuro con dignidade e soberanía, porque Galiza é rica en recursos e só sairemos adiante se soltamos o lastre histórico da Unión Europea e o Estado español, afirmou. A concelleira do BNG vinculou a falta de soberanía aos problemas de moitos sectores produtivos galegos entre os que destacou o naval, pesqueiro, agrogandeiro e o pequeno comercio.
Na Coruña temos uns sectores produtivos aos que non lles podemos sacar rendemento: pequeno e mediano comercio, polígonos industriais, universidade, ría do Burgo ou actividades marítimo-pesqueiras, expuxo. Temos que potenciar os sectores estratéxicos da cidade e da comarca para promover a creación de emprego e lograr que a diminución do paro sexa unha realidade e non se deba a unha cuestión estacional, engadiu. Advertiu tamén de que na Coruña destrúense os empregos de cen en cen, namentres o Partido Popular deixa esmorecer os nosos recursos. Nesta liña, sinalou que o escaso emprego que se está a crear é un emprego de carácter temporal e precario e subliñou que a crise non pode servir para que traguemos con todo.
Fixo fincapé a concelleira do BNG no desemprego feminino e da mocidade. Sinalou que na Coruña hai máis mulleres que homes no desemprego. Así, das 23.318 persoas desempregadas, 11.149 son homes e 12.169 son mulleres. As cifras volven demostrar que a muller sofre con maior gravidade as consecuencias da crise, tratando de facer compatíbel o traballo produtivo, o reprodutivo e o invisíbel, afirmou. O traballo feminino informal e vulnerábel con salarios máis baixos fai as mulleres máis débiles que os homes en tempo de crise, por iso, cómpre desenvolver políticas de fomento de emprego encamiñadas a favorecer o emprego de calidade entre as mulleres, salientou. Na mesma liña, puxo de manifesto que os datos do paro rexistrados na nosa cidade volven obviar a realidade da emigración, especialmente da mocidade, o que amortece a suba do desemprego. A nacionalista alertou de que máis de 120.000 persoas tiveron que emigrar forzosamente desde o 2009 e, malia isto, a taxa de paro non deixou de medrar nese mesmo período.
Por último, a edila do BNG finalizou a súa intervención denunciando que en Galiza existen os salarios e pensións máis baixas de todo o Estado español e volveu reclamar soberanía en Galiza para construír un futuro, digno, democrático, xusto e libre para todas nós.