Avia Veira empraza o Sr. Negreira a ler o seu propio PMUS
A Coruña, 12 de xuño de 2014- Despois de que o alcalde anunciara nunha entrevista a un medio radiofónico que o Concello analizará en que paradas baixan as persoas usuarias do autobús urbano de cara a reorganizar as liñas, a concelleira do BNG Avia Veira emprázao a ler o Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel elaborado polo seu propio goberno.
Coas súas declaracións o alcalde demostra que nin sequera consulta os documentos do seu propio equipo de goberno, afirma a edila nacionalista, que pon de manifesto que no PMUS existe unha matriz orixe/destino. Neste documento recóllense todos os desprazamentos internos da cidade entre os diferentes distritos nun día laborábel medio.
Avia Veira xa criticara que a única medida para a reordenación da rede de autobuses urbanos vaia ser a implementación dun Plan de Calidade na Compañía de Tranvías como ferramenta para logo modificar o trazado das liñas de autobús cun horizonte de implantación pouco definido: curto-medio-longo prazo.
Para o BNG, o Goberno local debe ter en conta, ademais do Plan de Calidade da Compañía de Tranvías, que recollerá os datos das persoas que xa son usuarias do autobús, esta matriz orixe-destino de desprazamentos en todos os medios de transporte para gañarse a xente que non emprega o bus mediante o deseño de rutas que se axusten ás necesidades de todo o mundo, de quen colle o bus e de quen non, nos distritos nos que chegan as liñas e nos que non.
Evidentemente non haberá moitos datos de baixada no Hospital Teresa Herrera porque alá só chega a liña 22 ou ao polígono da Agrela, onde só chega a liña 11, mais o número de desprazamentos diarios noutros medios de transporte revelarían a necesidade de que máis liñas ou outras liñas desde outros barrios cheguen a estes puntos, exemplificou a concelleira.