A "cidade do Parrote", excluínte e rica, VS "a cidade dos barrios", deprezada polo PP
A Coruña, 12 de xuño de 2014- O Grupo Municipal do BNG critica que o Sr. Negreira alardee de mellorar os barrios cando o Partido Popular está a crear dúas cidades na Coruña: a cidade do Parrote, excluínte e enriquecida (A Coruña das promotoras inmobiliarias, das concesionarias vampiras do público e do ben común), fronte á cidade dos barrios, que é a verdadeira Coruña e que se está deteriorando debido ao desprezo absoluto que recibe do Goberno municipal.
Os orzamentos municipais vixentes representan a proba máis evidente das dúas cidades creadas polo PP, na medida en que o investimento público se centrou no Parrote-A Mariña, houbo unha caída do 8,27% en investimento real e foron rexeitadas todas e cada unha das reclamacións presentadas polo Bloque e pola veciñanza para acometer melloras nos barrios.
Así, o Grupo Municipal do BNG empraza o PP a preguntarlles aos veciños e veciñas da Agra do Orzán; Os Castros; Bens; Os Rosales; Os Mallos; Visma; Novo Mesoiro, Mesoiro e Vío; O Castrillón; Monte Alto; O Birloque, O Martinete e Someso; Labañou; Eirís; O Ventorrillo, Cances, A Moura e Penamoa; Palavea; Feáns; Cidade Vella; San Vicenzo de Elviña e de Nostián, cos que o Bloque mantivo contacto de cara a presentar as reclamacións aos orzamentos de 2014, se consideran que os seus barrios ascenderon a primeira, tal e como declarou o alcalde.