O Goberno do PP non ten nada que esperar para intervir en todo o que ten a ver co lixo
A Coruña, 11 de xuño de 2014.- Logo do escrito presentado por 14 entidades representativas do sociedade, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o Goberno municipal non ten nada que esperar para intervir en todos os sentidos no que ten a ver coa recollida, reutilización e reciclaxe dos residuos da cidade e da súa comarca.
Malia pasar dous anos desde que o Goberno do Sr. Negreira tivo nas súas mans os resultados das auditorías da planta de Nostián, non se sabe sequera que vai facer o PP para incidir na caracterización do lixo, pois o que evidencian as auditorías é que o 34,42% da taxa de rexeitamento que prevía a UTE Albada no seu proxecto está lonxe da realidade de rexeitamentos que mostra a planta, lembra o BNG.
As nacionalistas tiran dos últimos datos que achegan as auditorías -datos de 2011- nos que se indica que o lixo que se deixou sen reciclar, e por tanto tivo de ser soterrado ou trasladado a vertedoiros, ascendeu ao 64,64%. Engaden que dos sucesivos anos nada se sabe, como tampouco se coñece que proposta vai desenvolver o Goberno do Sr. Negreira para tratar diminuír as porcentaxes de rexeitamento e incidir, así, na redución da cantidade de materiais que son desbotados.