AURELIA QUEDA NO SEU PISO! NON aos DESAFIUZAMENTOS

AURELIA QUEDA NO SEU PISO! NON aos DESAFIUZAMENTOS

A Coruña, 18 de febreiro de 2013.- No día de hoxe, demostrouse o poder da mobilización do pobo e da presión política na cidade da Coruña. Por dúas veces, as persoas concentradas na rúa Padre Feijóo impediron que as forzas de seguridade e os representantes xudiciais desafiuzasen do seu piso a Aurelia Rei, xa coñecida como a Sra. Aurelia, unha anciá de 85 anos sobre a que pesa unha orde de despoxo polo atraso no pagamento dun mes do alugueiro. Ao longo de toda a xornada soaron consignas como "Aurelia queda, Aurelia non se vai", "Onde está Negreira, está cos Pereira" (os propietarios do piso en que a Sra. Aurelia vive de aluguer, "Desafiuzar é asasinar", "Non son desafiuzamentos, son asasinatos", "Non é unha crise, é o sistema", "Non temos medo, temos fame", "Esta barbarie ímola parar"... Entre as persoas que asistiron á concentración atopábanse o portavoz do BNG no Parlamento de Galiza, Francisco Jorquera, o portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, as concelleiras do Grupo Municipal do BNG, María Xosé Bravo, Ermitas Valencia e Avia Veira, e ou a responsábel comarcal, Silvia Seixas.

Ao redor das 13h, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) comunicaba que o desafiuzamento da Sra. Aurelia ficaba adiado até novo aviso, un anuncio que foi celebrado polas persoas que se concentraron pacificamente contra esta inxustiza social. Porén, aproveitando a escasa presenza de activistas, media ducia de furgonetas antidisturbios despregáronse ás portas do portal número 9 de Padre Feijóo para botar a anciá do seu piso. Foi entón cando a policía mallou, por vez primeira, no portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, ao colocarse diante do portal para impedir o despoxo de Sra. Aurelia, e noutros activistas.

Non foi a única ocasión en que a policía bateu en Carril. Até dúas veces máis, o concelleiro nacionalista, que acabou cun corte baixo o ollo esquerdo e con mazaduras nas costas, recibiu golpes dos axentes. "Non importan os golpes se Aurelia segue na súa casa", contestáballes Carril ás persoas que presenciaron as malleiras. "O fundamental e o que máis me importa é que Aurelia vai poder seguir vivindo no seu piso", engadía. O portavoz do BNG no Concello da Coruña, que estivo ao longo do día ás portas do número 9 de Padre Feijóo, parabenizou a todas as persoas que impediron a execución da orde de desafiuzamento e ás brigadas de bombeiros que se negaron a cortar as cadeas que lle interrompían o acceso aos axentes de policía ao piso de Sra. Aurelia.

Tamén recibiu golpes por parte da policía o portavoz do BNG no Parlamento de Galiza, Francisco Jorquera, por tratar de impedir o despexo. “É imprescindíbel que os e as cidadás tomemos a iniciativa e impidamos casos escandalosos e de inxustiza social como o que está a sufrir a Sra. Aurelia”, sinalaba esta mañá en declaracións aos medios. "Casos como o da Sra. Aurelia demostran a extraordinaria inxustiza social que representan os desafiuzamentos”, apuntaba o portavoz parlamentar, quen advertiu sentir “auténtica vergoña por que tivera que haber unha serie de suicidios para que o Partido Popular accedera no Congreso a admitir a trámite a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) contra os desafiuzamentos apoiada por máis de 1,4 millóns de persoas”.

O BNG leva ao Congreso a violencia policial e pide a dimisión do delegado do Goberno

Neste contexto, as deputadas do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez, solicitarán a comparecencia do Ministro de Interior para que explique por que motivo se emprega a violencia policial en situación como a descrita e cando se trata de concentracións pacíficas en defensa de persoas desamparadas como o caso da Sra. Aurelia. E é que as forzas de seguridade deberían estar ao servizo da cidadanía, defendela e non protexer sempre os intereses dos máis fortes. Vemos como en moitos casos de desaloxos se empreñan a fondo para custodiar os intereses da banca e dos poderes financeiros, e son funcionarios do Estado ao servizo da cidadanía.

Ademais, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, pediu a demisión do Subdelegado do Goberno porque "o que hoxe sucedeu en A Coruña é dunha indignidade e dunha inhumanidade sen límites"

A dupla moral do PP levouno a tombou unha proposición de lei do BNG o día en que admitía a trámite a ILP contra os desafiuzamentos

En declaracións aos medios, Jorquera fixo alusión á proposición de lei presentada polo BNG no Parlamento de Galiza, "tombada polo Partido Popular o día en que, precisamente, se admitía a trámite a ILP contra os desafiuzamentos". O portavoz nacionalista salientou que o BNG reclamaba nesta iniciativa contemplar a dación en pago como último recurso, "xa que a dación en pago conleva que esa familia perda a súa vivenda".

Tamén recollía a proposición de lei dos nacionalistas alternativas para evitar con este drama social e asegurar o dereito de toda persoa a disfrutar dunha vivenda digna. A moratoria aos prazos de pago, a substitución da hipoteca por un contrato de aluguer con opción a recompra e que o parque de vivendas que vai xestionar o chamado banco malo pase a destinarse a uso público eran outras das propostas recollidas polo BNG nesta iniciativa, que non prosperou polos votos en contra dos deputados e deputadas do Partido Popular.

Mañá, martes, ás 9.30h, concentración nos Xulgados

O BNG tamén estará presente mañá na concentración cívica convocada para as 9.30h diante dos Xulgados (na rúa Monforte), co fin de evitar o desaloxo da Sra. Aurelia.

O futuro desta veciña da Coruña, de 85 anos, fica no aire, á espera do que decida a comisión xudicial. As e os activistas xa anunciaron que organizarán quendas para evitar que sexa expulsada do piso en que leva vivindo desde hai máis de 40 anos.

AURELIA QUEDA NO SEU PISO! NON aos DESAFIUZAMENTOS