O BNG aposta por diversificar ao eido civil a produción da fábrica de armas para garantir o emprego

Vista aérea da Fabrica de Armas
O BNG aposta por diversificar ao eido civil a produción da fábrica de armas para garantir o emprego

A Coruña, 14 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG amosa o seu total rexeitamento ao peche da Fábrica de Armas e ponse a disposición dos 172 traballadores, aos que lle transmite todo o seu apoio. De feito, o Grupo Municipal do BNG solicítalle ao alcalde que permita a presenza de Xosé Manuel Carril, portavoz nacionalista, na reunión urxente que vai manter mañá co Comité de Empresa. Ademais, o BNG anuncia a presentación de iniciativas contundentes en todas as institucións en que ten representación para que se garanta a diversificación da produción ao eido civil na planta que Santa Bárbara ten na Coruña, co fin de garantir a súa viabilidade e o mantemento dos postos de traballo.

O Grupo Municipal do BNG lamenta o desleixo do Goberno municipal respecto do mantemento de postos de traballo na Fábrica de Armas. En resposta a unha pregunta escrita formulada polo BNG en decembro de 2011, en que Carril preguntaba polas xestións que estaba a desenvolver o Concello para garantir a viabilidade futura da empresa, o Goberno municipal confirmou que o único que fixo o alcalde para garantir a viabilidade da empresa foi visitar as instalacións da planta.

As Administracións non poden lavarse as mans: a venda da Empresa Nacional Santa Bárbara a General Dynamics fíxose pactando o mantemento de carga de traballo e a viabilidade industrial da fábrica, asentada en terreos propiedade do Ministerio de Defensa

O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que as Administracións teñen a posibilidade de evitar o peche da Fábrica de Armas. E é que aínda que agora é unha compañía privada, a venda da Empresa Nacional Santa Bárbara a General Dynamics fíxose pactando unhas condicións: o mantemento de carga de traballo e a viabilidade industrial da fábrica, asentada en terreos propiedade do Ministerio de Defensa. Por iso, as nacionalistas entenden que as Administracións non poden lavarse as mans.

O BNG xa reclamara a través de diversas iniciativas no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados o cumprimento do contrato de Defensa. Precisamente, en abril de 2005, o Parlamento de Galiza aprobou, por unanimidade e a instancias do BNG, o cumprimento do contrato de Defensa, o cumprimento das obrigas asumidas por General Dynamics na adquisición da Empresa Nacional Santa Bárbara en todo o que atinxía a cargas de traballo, novos contratos e investimentos tecnolóxicos e garantir a continuidade da Fábrica de Armas, en colaboración coa Xunta de Galiza cun plan de futuro, sólido e fiábel que asegurase a diversificación da produción e achegase nova carga de traballo e, en todo caso, o mantemento do actual nivel de emprego.

 

O BNG aposta por diversificar ao eido civil a produción da fábrica de armas para garantir o emprego