Os argumentos do PP para a construción do aparcadoiro das Conchiñas caen polo seu propio peso
A Coruña, 8 de decembro de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego denuncia que os argumentos do Partido Popular para a construción do aparcadoiro subterráneo das Conchiñas caen polo seu propio peso despois de fracaso na venda das prazas en concesión e da licitación da explotación deste aparcadoiro. Un aparcadoiro, lembran as nacionalistas, realizado con investimento público, a través da empresa pública municipal, EMVSA, cunha delicada situación económica e de falta de solvencia motivada polas encomendas do Partido Popular, para que finalmente sexa unha empresa privada con ánimo de lucro quen o explote.
E é que a suposta demanda deste equipamento por parte da veciñanza, que argumentou o Partido Popular para a súa construción, non ten correspondencia coa demanda real, segundo se desprende dos pregos de explotación do aparcadoiro, xa que tan só se adquiriron 57 prazas. As nacionalistas salientan que aínda en marzo deste ano o Sr. Negreira decidiu ampliar un 25% as prazas do aparcadoiro por mor das supostas peticións da veciñanza e dos comerciantes cando o propio informe de xestión de EMVSA de 2013 mostraba que só había reservadas 40 prazas, das 116 proxectadas para a concesión ou aluguer.
As nacionalistas sinalan que este aparcadoiro soterrado, que só beneficia ás persoas que teñen recursos económicos e que non vai resolver os problemas de conxestión de tránsito e de estacionamento do barrio, é realizado con cartos públicos, máis de 3,3 millóns de euros en plena época de crise, a través da empresa municipal EMVSA, para se converter nun aparcadoiro dunha empresa privada que só vai ter unha finalidade estritamente lucrativa.
Alén diso, o BNG lembra que a construción deste aparcadoiro necesitou de financiación adicional por parte de EMVSA dada a súa delicada situación económica. E é que na actualidade a empresa municipal, cunha débeda de 7.227.386 euros, dos cales 2.500.000 son con EMALCSA polo aparcadoiro das Conchiñas, ten falta de solvencia motivada polas múltiples e variadas encomendas realizadas polo Partido Popular. E é que EMVSA non destina a súa actividade ao seu obxecto social propio, a intervención e regulación do mercado do solo e da vivenda, precisamente nun momento en que debería axir para axudar a garantir o dereito á vivenda, senón, pola contra, a empresa municipal é empregada polo Goberno do Sr. Negreira para a construción de aparcadoiros para a súa posterior xestión privada en réxime de concesión, a xestión dos procedementos sancionadores en materia de tráfico, o servizo de xestión de aluguer de bicicletas...