O BNG pídelle a Negreira que informe o pobo do prezo da cabalgata, que ascenderá aos 300.000
A Coruña, 9 de decembro de 2014- En aras da transparencia, o Grupo Municipal do BNG exíxelle ao Goberno do Sr. Negreira que informe a veciñanza do prezo da cabalgata de reis, cuxa contía agochou na presentación que fixo esta mañá a concelleira de Cultura perante os medios de comunicacións. Visto o prezo de licitación do aluguer das carrozas, 97.960 euros, as nacionalistas calculan que o gasto total da cabalgata superará os 300.000 euros. Lembran as nacionalistas que a cabalgata de 2014 ascendeu a cáseque 365.000, xa que ademais do aluguer de carrozas que finalmente se adxudicou por 79.860 euros, o resto de gastos da cabalgata sumaron os 284.986,63 (achégase anexo dos gastos realizados na cabalgata de 2014 por parte do IMCE).
O BNG salienta que o prezo de licitación do aluguer de carrozas, ao igual que o ano pasado, é un 40% máis que hai dous anos e un 160% máis que o anterior mandato.
Un goberno que vive de costas ao pobo
O Grupo Municipal do BNG lamenta o dispendio de cartos públicos por parte do Goberno do Sr. Negreira nesta época do ano. A maiores dos cartos que gastará na cabalgata, o Goberno local dedicará 200.000 euros ao poboado navideño e 422.441,25 euros á montaxe de iluminación ornamental do Nadal.
As nacionalistas advirten de que estes gastos elevadísimos demostran que o Goberno do Sr. Negreira, coa súa insistente e inhumana política de pouco pan e moito circo, vive de costas á realidade da meirande parte do pobo da Coruña e das súas necesidades sociais e económicas.