O BNG pide unha liña do bus que conecte Novo Mesoiro co Campus de Elviña e do CHUAC
A Coruña, 8 decembro de 2014- A instancias da AVV de Novo Mesoiro, o Grupo Municipal do BNG exíxelle ao Goberno do Sr. Negreira que adopte as medidas oportunas para unir mediante autobús urbano o barrio de Novo Mesoiro, de Mesoiro e Feáns cos dous dos puntos estratéxicos da cidade, o Campus universitario de Elviña e mais o CHUAC. Despois das últimas variacións en trazadas e horarios das liñas urbanas do autobús, as nacionalistas esperan que o Goberno do Sr. Negreira non poña impedimentos para dotar o barrio da conexión co campus e coa zona hospitalaria, máxime tendo en conta que a Compañía de Tranvías presta un servizo deficitario en Novo Mesoiro.
Ademais, a veciñanza deste barrio solicita a comunicación por bus á zona de Matogrande por atopárense alí diversos centros de traballo así como o Centro de Saúde de Matogrande con servizo de urxencias de tarde, un servizo do que carece Novo Mesoiro, que conta con máis de 10.000 habitantes.
Para coñecer as intencións do Goberno local ao respecto, as nacionalistas presentarán de cara ao próximo pleno unha batería de preguntas para a resposta escrita. En concreto e a instancias dos veciños e veciñas, o BNG preguntaralle ao Goberno do Sr. Negreira se lle vai solicitar á Compañía de Tranvías que estabeleza unha liña entre Novo Mesoiro e o CHUAC que pase por Feáns, Mesoiro, Campus de Elviña, Espacio Coruña, Matogrande, Teresa Herrera e Chuac; se, no caso contrario, prevé como solución o desvío doutra liña existente para cubrir o citado percorrido e se este servizo estará dispoñíbel a partir de 2015. No caso de que o Goberno local non atenda as demandas da veciñanza, as nacionalistas tamén preguntarán cales son as razóns polas que o Goberno do Sr. Negreira se nega a deixar Novo Mesoiro, Mesoiro e Feáns sen este servizo de bus urbano.