O alcalde sabía que non había motivos para pagarlle 315.975 euros á promotora Coprosal
A Coruña, 23 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG insiste en que o Goberno municipal non debeu acceder a pagarlle á promotora Coprosal 318.974 euros por unha hipotética responsabilidade patrimonial do Concello da Coruña. Xa a 09.11.2011, o Grupo Municipal do BNG presentara un amplo e documendado escrito dirixido ao alcalde en que se xustificaba a inexistencia de responsabilidade municipal en relación coa paralización das obras de construción dun edificio na Praza Almirante Romai e a perda de aproveitamento urbanístico como consecuencia da aparición dunha rede de saneamento nunha parte dos terreos que foran vendidos polo Concello en febreiro do 2002.
Neste escrito, o BNG demostra que non procede o pago de tal indemnización, dado que Coprosal dispuxo ilegalmente da posesión dos mesmos, cando non podía facelo respecto de 22,67 m2; superficie cativa pero fundamental xa que se sitúa en parte da fachada da superficie edificábel.
Na documentación achegada ao alcalde, o Grupo Municipal do BNG expón que o Concello vendeu a 15.02.2022 un solar na praza Almirante Romay por 110.008,8 euros, que foi posteriormente transmitido a Coprosal. A 03.02.2006, o Concello outorgoulle a esta promotora licenza para a construción dun edificio de 23 plantas, garaxe e trasteiros e, posteriormente, autorizou o inicio das obras. Previamente, outorgara licenza de demolición das edificacións existentes nestes terreos.
Tal e como recolle o BNG no escrito dirixido ao alcalde, a 23.03.2006, é dicir, despois da licenza, Coprosal recibiu citación do Xulgado de 1ª Instancia da Coruña por demanda civil interposta por un particular pola posesión dunha parcela de 22.67m2 que formaba parte dos terreos obxecto da licenza e que, ademais, conformaba parte da fachada da superficie obxecto de licenza. Este proceso foi estimado por sentenza de 18.09.2006, cuxo fallo é que "debo condenar e condeno a demandada a repoñer á demandante na posesión da finca litixiosan no estado que se atopaba previamente ao despoxo". Esta sentenza foi confirmada por sentenza da Audiencia Provincial de 27.09.2007. É dicir, os tribunais ordenan a reposición dos terreos á situación anterior á demolición, co cal, obviamente, a licenza de obras outorgada en febreiro de 2006 non podía ser executada. É por iso que o Concello da Coruña non ten ningunha responsabilidade.
Ademais, na documentación que lle foi remitida ao alcalde, as nacionalistas sinalan que, posteriormente, mentres tiña lugar este procedemento civil, Coprosal presentou o 24.08.2006 un proxecto de normalización de fincas, nunha superficie de 387,84m2, coincidente cos terreos que foran obxecto de licenza de obras, incluíndo no ámbito de normalización os 22,57m2 obxecto da demanda civil. Este proxecto de normalización, unha vez subsanado, foi aprobado definitivamente en Xunta de Goberno Local a 02.03.2007. Neste proxecto incluíase unha indemnización económica de 51.584,64 euros por compensación de aproveitamento en relación cos 22,67 m2 litixiosos, contía depositada na Delegación Provincial da Consellaría de Facenda.
Contra este acordo da XGL de 02.03.2007, o particular interpuxo recurso contencioso-administrativo que en primeira instancia foi desestimado, mais que en apelación foi estimado, por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) de 22.07.2010. En execución da sentenza, o Concello dirixiulle un escrito a Coprosal, con data de 12.04.2011, a efectos, entre outros, de presentación dun novo proxecto de normalización de fincas axustado aos fundamentos e fallo da sentenza do TSXG. O 26.05.2011, Coprosal presentou un novo proxecto de normalización de fincas en que solicitaba a devolución do depósito de 51.584,64 euros. Neste proxecto dos 387,84 m2, adxudícanselle a Coprosal un total de 365,17 m2 e outros 22,67 m2 decláranse litixiosos. Esta normalización de fincas aprobouse por acordo da XGL de 09.09.2011, en que, ademais, se anula o anterior acordo de 2007, se declara litixiosa a parcela de 22,67 m2 e se autoriza a devolución do depósito.
Non cabe responsabilidade patrimonial pola paralización dunhas obras que xa estaban paralizadas como consecuencia dunha demanda civil e que afectaba, directamente, á execución das obras
Como consecuencia desta demanda civil, e previa petición da promotora, tal e como consta no expediente, o Concello autorizou a suspensión do cómputo dos prazos da licenza. Así, é a interposición dunha demanda civil, e non a aparición dos restos da rede saneamento, a que determina a paralización da execución das obras amparadas por licenza. Non cabe responsabilidade patrimonial pola paralización dunhas obras que xa estaban paralizadas como consecuencia dunha demanda civil e que afectaba, directamente, á execución das obras.
No escrito presentado ao alcalde en novembro de 2011, as nacionalistas puñan de manifesto que os feitos expostos, malia a súa trascendencia, non foron tidos en consideración nin no Ditame do Consello Consultivo (ao que non se lle remitiron) nin en todo o expediente de responsabilidade patrimonial.