Veira: "O Goberno municipal desoe as demandas d@s veciñ@s no Birloque"
A Coruña, 25 de marzo de 2013.- A concelleira nacionalista Avia Veira visitou esta mañá o barrio do Birloque, convidada pola A VV Os Anxos, que amosou, in situ, as principais eivas que sofre a veciñanza en materia de mobilidade e de seguridade viaria. A visita ten lugar despois de que o Grupo Municipal do BNG recibira a resposta á ducia de preguntas concretas realizadas polas nacionalistas, a instancias da entidade veciñal sobre o servizo de autobús urbano. "O Goberno do Sr. Negreira sacouse de diante as demandas do BNG e da veciñanza do Birloque con catro escasas liñas nas que, ademais de non contestar as preguntas que lle formulamos, mente", sinala Veira. E é que, tal e como expuxo o presidente da A VV Os Anxos, Ramón Mañana, non houbo os contactos coa concelleira de Mobilidade aos que alude a resposta.
Tras a xuntanza coa Directiva da asociación, a concelleira do BNG criticou que o alcalde desoira as reclamacións dos veciños e veciñas, desprezara o labor do Grupo Municipal do BNG e desatenda os problemas de mobilidade que padecen as persoas que habitan no Birloque. Nesta liña, Avia Veira denunciou a "precariedade democrática" do Goberno do Sr. Negreira e insistiu en reclamar as necesidades do barrio en materia de transporte público.
Neste contexto, a concelleira do BNG emprazou o alcalde a aumentar as frecuencias dos autobuses colectivos urbanos, a mellorar e instalar os equipamentos das paradas (marquesinas, indicadores de horarios...), a facilitarlle a mobilidade ás persoas maiores e con discapacidade, a diminuír as tarifas do autobús, poñer en servizo novas liñas que conecten co resto da cidade determinadas zonas illadas (como Joaquín Planells ou As Rañas) e conectar o barrio cos puntos estratéxicos da cidade, como o hospital, centros de saúde ou polígonos industriais.
Na mesma liña pronunciouse o presidente da A VV Os Anxos, Ramón Mañana, que, á vista do abandono e marxinación que sofre O Birloque, denunciou que "parece que non somos veciños do Concello da Coruña". O responsábel da entidade veciñal, que esixe que se cubran as necesidades básicas en materia de mobilidade, tamén reivindicou unha rebaixa do prezo do autobús e amosouse moi crítico co enriquecemento da Compañía de Tranvías por conta da cidadanía.
A seguridade viaria centrou boa parte da reunión entre Avia Veira e a Directiva da asociación. De feito, acompañada dos membros da A VV, comprobou os perigos aos que lles fan fronte cada día as persoas que viven no Birloque. En resposta ao anuncio da ministra de Fomento sobre a conexión mediante un paso elevado entre Elviña e O Birloque, Ramón Mañana botou en falta a claridade e un compromiso, por escrito, dos prazos. Preguntouse, ademais, de onde van saír os cartos, xa que a obra non está contemplada nos orzamentos xerais.
En relación a este paso elevado anunciado pola ministra, o presidente da entidade veciñal pediu "feitos e prazos asinados, e non tanto protocolo". Instou o Goberno do Sr. Negreira a "vir aquí, ver, in situ, os problemas da xente e deixarse de quentar tanto a cadeira nos despachos". Acusou o alcalde de se reunir só coas asociacións de veciños creadas polo PP, é ás que lles dá substanciosas axudas a fondo perdido, e emprazouno a que o Concello organice asembleas abertas ao pobo, na liña das que vén organizando o BNG.