O BNG lamenta que o Goberno municipal inicie as obras da Gaiteira sen contar c@s veciñ@s

O BNG lamenta que o Goberno municipal inicie as obras da Gaiteira sen contar c@s veciñ@s

María Xosé Bravo e Avia Veira nunha visita aos CastrosA Coruña, 19 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira vaia acometer a vindeira semana a obra do case millón de euros na rúa da Gaiteira sen dialogar antes, malia llo reclamar en numerosas ocasións, cos veciños e veciñas. Precisamente, a A VV Oza-A Gaiteira-Os Castros recolleu máis de 1.700 sinaturas contra as obras, nas que se proxecta unha mediana que deixará dividida a rúa en dous.

As nacionalistas consideran excesivo o gasto de 956.000 euros na reforma da Gaiteira, xa que podería substituírse o mobiliario urbano que se atopa en bo estado. Ademais, advirten do abuso que supón a duración prevista das obras: 11 meses, un espazo temporal que prexudicará, notabelmente, comercios e locais hostaleiros da zona. De aí boa parte das reticencias da veciñanza.

Sobre a mediana, o Grupo Municipal do BNG sinala que se trata dunha mostra máis da inutilidade do desmantelamento da mediana da Avenida de Oza, que foi tirada, simplemente, para cumprir un capricho electoral do PP e non en resposta a requirimentos técnicos nin de seguridade. O Goberno municipal recorreu á seguridade para tirar a medianeira da Avda. de Oza, que custou 300.000 euros, e agora vai montar outra, con farois, árbores e bancos, nunha rúa estreita e peonil. Esta mediana na Gaiteira suporá unha incomodidade para as e os peóns e para o transporte de mercadorías, xa que os vehículos non poderán acceder facilmente aos estabelecementos hostaleiros.

O BNG pídelle ao alcalde que deixe de mentir en relación á terceira rolda

Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG pídelle ao alcalde que deixe de mentir sobre o remate da terceira rolda, obra atrasada polos recortes do Partido Popular. Foi a propia Xunta de Galiza a que confirmou que o viario non estará rematado até abril ou maio de 2015. E, malia isto, o Sr. Negreira teima en enganar a cidadanía ao asegurar que a terceira rolda entrará en servizo en 2014.

Aínda o pasado ano, o Sr. Negreira asegurara que a terceira rolda estaría "plenamente operativa" no último trimestre de 2013. Avanzado o 2012, o alcalde rectificou o prazo e apuntou ao 2014 como ano de finalización da terceira rolda, malia saber que os últimos orzamentos xerais do Estado inclúan previsións de gasto para o 2015.

 

O BNG lamenta que o Goberno municipal inicie as obras da Gaiteira sen contar c@s veciñ@s