A Xunta ordena cambios no PXOM respecto da seguridade da refinaría que o BNG xa advertira
A Coruña, 12 de decembro de 2012.- Unha vez máis, confírmase que o PXOM do PP non só estaba ateigado de inconcrecións e ilegalidades, senón que tamén se aprobou, en agosto, en contra de informes vinculantes, tal e como vén sinalando o Grupo Municipal do BNG. É o caso da ampliación da zona residencial no contorno de ámbito de protección da refinaría, en que o Goberno municipal decidiu actuar en contra dun ditame técnico en que se puñan de manifesto os perigos da refinaría de Repsol, onde, en base ao Plan de Emerxencia Exterior da Agrela-Bens, hai fixadas unhas servidumes que limitan a construción. O Grupo Municipal do BNG xa advertira sobre a existencia deste ditame e solicitara que se tivesen en conta as conclusións contundentes deste informe.
Os nacionalistas lembran que foi o propio Goberno do Sr. Negreira quen lle encargou este ditame a unha empresa e foi o mesmo Goberno quen non tivo en conta as limitacións do uso por causa da afección da refinaría. E isto, malia as advertencias dos técnicos municipais de ter en conta as condicións dos usos sinalados no ditame, que data do 30 de xullo de 2012, da semana anterior á aprobación provisional do PXOM en Pleno.
O Goberno do Sr. Negreira desoíu as advertencias dos expertos sobre a posibilidade de danos sobre nenos, anciáns e persoas sensíbeis
O Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno municipal non tivera en conta o ditame malia recoñeceren nel os expertos que "a zona obxecto do presente estudo pode verse afectada polo alcance das zonas de intervención das instalacións de Repsol Petróleo e Repsol Butano. De maneira que poderían producirse danos apreciábeis sobre a poboación non protexida (nenos, anciáns, persoas especialmente sensíbeis ). Polo tanto considerando os estabelecementos de Repsol Petróleo e Repsol Butano a proposta non sería aceptábel". Só serían aceptábeis, segundo os técnicos, os sectores urbanísticos incluídos no PXOM se só existisen as instalacións da Compañía Loxística de Hidrocarburos, mais non con Repsol Petróleo e Repsol Butano.
Non estraña que a Xunta de Galiza obrigue a facer mudanzas no PXOM respecto do contorno da refinaría cando o ditame encargado e desbotado polo Goberno municipal tivo en conta o Plan de Emerxencia Exterior da Agrela-Bens, elaborado, precisamente, pola Xunta de Galiza no 2011. Así, en base ao plan, o ditame identifica "escenarios accidentais que afectarían ampliamente algúns sectores urbanísticos que están previstos no PXOM" e, aínda que sinala que este tipo de accidentes ten unha probabilidade de ocorrencia moi baixa, fai unha serie de recomendacións como a imposibilidade de construír vivendas nas actuacións previstas para Penamoa e O Portiño.
Ademais, o ditame dos expertos cuestiona o uso residencial no sector de Vío, o uso comercial no SUD-5, nas Rañas (A Cidade da Tecnoloxía, promovida por, entre outros, Jove, Collazo e Soto), o uso comercial en Monte Fieiteira, de Mouras Rexas, A Moura ou mesmo do cuartel da Agrela. Engade a imposibilidade de construír vivendas na Silva, nunha área de Severo Ochoa e de construír o Museo de Automoción e Historia, en Bens, ao estar "afectado en grande medida polos alcances máximos dos accidentes".
O Goberno municipal tampouco esperou ás análises de riscos de accidentes na contorna da refinaría
Pola outra banda, os expertos apuntaban no informe á necesidade de esixirlle a Repsol Petróleo e Repsol Butano e a CLH a elaboración dunha completa Análise Cuantitativa de Riscos, técnica que, segundo o ditame, "ofrece unha aproximación probabilística de risco ponderando as posíbeis distancias accidentais coa súa frecuencia de concorrencia asociada".
Ante estas advertencias, os desenvolvementos urbanísticos afectados pola zona de risco deberían aprazarse até que non se elaborara a análise que determinase se o perigo era admisíbel ou non, tal e como se sinalou no informe técnico do PXOM emitido polos servizos municipais. Deste xeito, gran parte da superficie de solo urbanizábel do PXOM quedaría pendente da análise de riscos.