Os novos prezos do bus son unha mostra de que vivir na Coruña custa máis

Os novos prezos do bus son unha mostra de que vivir na Coruña custa máis

A Coruña, 7 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG sinala que os novos prezos dos billetes da Compañía de Tranvías son unha proba máis de que vivir na Coruña custa máis que hai un ano. E é que á suba do IBI, do IVE ou da auga, ademais doutras taxas e impostos municipais, hai que sumarle agora o prezo do bus, cuxo encarecemento é maior para os e as usuarias con menos recursos: persoas desempregadas, con discapacidade, pensionistas ou estudantado.

Malia que o Sr. Negreira presume de que se conxelan os impostos, taxas e prezos públicos, calquera persoa sabe que cada día que pasa é moito máis caro vivir na Coruña, advirten os nacionalistas, que denuncian que A Coruña se está a converter nunha cidade para xente rica. As políticas do Goberno municipal do PP, sinala o BNG, están a incrementar o nivel de vida, excluíndo as persoas con menos capacidade económica.

Os nacionalistas apuntan que o aumento xa confirmado do billete do bus é a última evidencia do encarecemento da vida na Coruña. Aquelas persoas que paguen un billete ordinario Terán unha suba do 5,83% (ao pasar de 1,20 a 1,27 euros), as persoas que teñen o bonobús ordinario terán unha suba do 9,33% (ao pasar de 75 a 82 céntimos) e aqueles colectivos máis necesitados, como as persoas con discapacidade, desempregados e xubilados terán unha suba do 10% (ao pasar de 30 a 33 céntimos o prezo de cada viaxe), ao igual que o bonobús escolar. Unha vez máis, o Sr. Negreira fai recaer a crise nas persoas con menos capacidade de adquisición, ao aumentarlles porcentualmente máis o billete do bus.

Por último, o Grupo Municipal do BNG apunta que non hai que esquecer que, indirectamente, coa suba dos impostos vaise pagar a subvención municipal á Compañía de Tranvías. Reclaman os nacionalistas, por enésima vez, que o Goberno do Sr. Negreira revise de inmediato a concesión da Compañía de Tranvías e a fórmula para o cálculo das tarifas. De non facelo, o prezo do bus aumentará cada ano, conclúen.

 

 

Os novos prezos do bus son unha mostra de que vivir na Coruña custa máis