Xosé Manuel Carril: o porto pesqueiro é o maior "polígono industrial" da nosa cidade
O recoñecemento oficial de Galiza como zona altamente dependente da pesca na Unión Europea significaría a recuperación exponencial da actividade pesqueira no porto da Coruña e garantiría o seu futuro como porto de referencia da pesca galega
O porto da Coruña, que é o maior polígono industrial da nosa cidade e da nosa comarca, tería garantido con este recoñecemento o seu futuro como fonte de riqueza económica, mais tamén de benestar social polos postos de traballo directos e indirectos que se crearían a maiores
Hai que rematar coa marxinación do noso sector pesqueiro galego que tanto afecta ao Porto da Coruña: coa derrogación do principio de estabilidade relativa, coa declaración de Galiza como zona altamente dependente da pesca e coa presenza directa (con voz, voto e veto) de Galiza na negociación de novos acordos pesqueiros con Estados non membros da Unión Europea
Xosé Manuel Carril, candidato número 2 do BNG ás eleccións ao Parlamento Europeo, afirmou na mañá de hoxe que un cambio nas políticas mercantilistas da Unión Europea serían sumamente beneficiosas para a cidade da Coruña e a súa comarca, pondo como exemplo o caso concreto da actividade pesqueira do noso porto, que o propio nacionalista considerou como o maior polígono industrial da nosa cidade e a súa comarca.
A Coruña como territorio galego económica e socialmente dependente da Pesca
Carril sinalou que é indispensábel o recoñecemento oficial de Galiza como zona altamente dependente económica e socialmente da pesca na Unión Europea. Isto é, o seu recoñecemento como grupo de poboacións onde a contribución do sector pesqueiro para a actividade da zona é tal que as dificultades deste sector dan lugar a reducións de actividade e perdas de emprego que deterioran seriamente o tecido socioeconómico. Este recoñecemento traduciríase nunha recuperación exponencial da actividade pesqueira no porto da Coruña, ademais de garantir o seu futuro como porto de referencia da pesca galega. Con este recoñecemento o noso porto tería garantido o seu futuro como fonte de riqueza económica, mais tamén de benestar social polos numerosísimos postos de traballo directos e indirectos que se crearían a maiores por causa do incremento da actividade pesqueira no propio porto.
Malia reunirmos todas as condicións para termos o recoñecemento oficial na Unión Europea como zona altamente dependente da pesca, o certo é que 30 anos despois da constitución da Europa Azul a Comisión Europea, a través da Política Pesqueira Común (PCP), non cumpriu co obxectivo de atender ás necesidades especiais de poboacións dependentes da pesca como a da Coruña. De feito, sinalou o nacionalista, isto se evidenciou coa asignación de dereitos de pesca e coas descargas, moi contrarios a preservación da nosa poboación como comunidade dependente da pesca, sen que en ningún momento houbesen criterios de sustentabilidade, especialmente a respecto da súa vertente social.
A política pesqueira comunitaria nefasta para a flota pesqueira galega do Porto da Coruña
Se non somos quen de cambiala, a PCP está orientada para que a flota pesqueira galega sexa residual e para que os nosos consumidores sexan abastecidos por outras flotas comunitarias ou de terceiros países, que, por causa da PAC, poderán rematar cunha flota galega eficiente e sobradamente preparada. De feito, como zona dependente da pesca non recoñecida oficialmente, os portos coruñés e galegos son moi vulnerábeis aos cambios nas posibilidades de pesca, que no caso das augas comunitarias son administradas por cotas, con impactos negativos no económico, no social e no ambiental. Isto comprábase:
1. Coa perda de cota e caída das descargas e dos desembarcos no noso porto.
2. Coa redución das unidades pesqueiras no Porto da Coruña (en especial, flota coruñesa de maior dimensión), que é maior que noutros portos.
3. Coa caída do emprego directo e do número de persoas traballadoras afiliadas ao réxime especial de seguridade social dos traballadores do mar.
Remate da marxinación do noso sector pesqueiro galego que tanto afecta ao Porto da Coruña
Coa derrogación do principio de estabilidade relativa, coa declaración de Galiza como zona altamente dependente da pesca e coa presenza directa (con voz, voto e veto) de Galiza na negociación de novos acordos pesqueiros con Estados non membros da Unión Europea
Carril indicou que a marxinación do noso sector pesqueiro galego, que tanto afecta ao Porto da Coruña, debe rematar. Por iso cómpre, sinalou o nacionalista, rematar co principio de estabilidade relativa, que consagra a discriminación da nosa flota en augas comunitarias, erradicando os privilexios que teñen determinados Estados á hora de faenar. Por iso cómpre tamén o estabelecemento dun novo estatus institucional para Galiza na Unión Europea en materia de pesca, recoñecendo formalmente a súa condición como zona altamente dependente económica e socialmente da pesca. E por iso cómpre que Galiza estea presente, con voz, voto e veto, na negociación de novos acordos pesqueiros con Estados non membros da Unión Europea e ricos en peixe (Mauritania, Marrocos, Guinea Conakri, Angola, Senegal, Namibia ) para evitar a exclusión da flota galega das súas augas, que non padecen outros Estados europeos.