Proxectos de emprendemento e empoderamento que o BNG traslada ás institucións: Mulleres Colleiteiras
O BNG manifestoulle nun encontro ás mulleres colleiteiras o seu apoio, e demanda do Goberno Municipal a súa colaboración.
As Mulleres Colleiteiras e Arquitectos sen Fronteiras expuxéronlle ao BNG a necesidade de que o Concello colabore e que, cando menos, lles facilitase o labor, por exemplo, para o estabelecemento de puntos de recollida de aceites en mercados municipais.
Xosé Manuel Carril, María Xosé Bravo e Avia Veira mantiveron unha reunión cunha das voluntarias de Mulleres Colleiteiras, Lourdes Gabarra, e cos representantes de Arquitectos Sen Fronteiras, Rocío Botana e Juan Aradas. A xuntanza encádrase dentro da rolda de reunións que está a manter esta entidade para recoller o apoio ao proxecto Mulleres Colleiteiras, que leva máis dun ano en marcha, dos grupos políticos con representación dentro do Concello da Coruña.
Así, o portavoz do Grupo Municipal, Xosé Manuel Carril, manifestou o apoio do Bloque Nacionalista Galego a esta iniciativa, que valorou moi positivamente salientando que se trata dun proxecto moi interesante no que 23 mulleres en situación de exclusión social se empoderan a través da recollida do aceite para a súa posterior reciclaxe ou reutilización, o que lles permite a súa incorporación ao mundo do traballo, ademais, baixo a fórmula da cooperativa, que será a que adopten cando se asente o proxecto.
Mulleres Colleiteiras é un proxecto no que 23 mulleres en situación de exclusión social se empoderan.
Alén disto, Carril demandou do Concello a súa colaboración porque Mulleres Colleiteiras está a saír adiante a pesar de non contar con moito apoio das institucións públicas.
Pola súa banda, a coordinadora do Proxecto, Rocío Botana, de Arquitectos Sen Fronteiras, afirmou que as mulleres que participan en Mulleres Colleiteiras son un exemplo de loita por saír adiante, por saír das súas situacións vitais complicadas e saír por elas mesmas, que decidiron desde un primeiro momento embarcarse no proxecto, poñerse a traballar, e formalo a través dun proceso participativo: elas son as traballadoras, as súas propias xefas e as organizadoras. Son un exemplo de loita que rompe cos estamentos e os prexuízos de que a xente non quere traballar e que non quere saír adiante das situacións precarias que viven, engadiu.
A voluntaria de Mulleres Colleiteiras, Lourdes Gabarra, manifestou que as vinte e tres mulleres de etnia xitana, do poboado das Rañas e da Pasaxe, que participan do proxecto seguen co mesmo ou con máis entusiasmo que desde o primeiro día e demandou colaboración do resto dos concellos porque o que queremos é traballar para axudar as nosas familias e que isto non quede simplemente nun proxecto. O comezo foi difícil e sorprendeunos a boa acollida e colaboración da veciñanza de Monte Alto mais vemos que cada vez se enche máis rápido o depósito do punto limpo onde o levamos e que cada vez hai máis demanda. Comezamos en Monte Alto, mais xa estamos a recoller nos Rosales, na Agra, na Gaiteira e nos bares.
O BNG demandará a implicación activa do concello da Coruña neste proxecto.
Tanto o portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, como Rocío Botana e Lourdes Gabarra coincidiron na necesidade de que as institucións públicas se dean conta de que o proxecto ten valor social e ambiental mais que tamén constitúe un servizo á cidadanía. Os tres indicaron que non se trata só de que as institucións públicas poidan colaborar economicamente, e permitir así que o proxecto se asente que se poida converter nunha cooperativa, senón tamén en facilitarlles o labor para a recollida do aceite, por exemplo propiciando a instalación de colectores nos mercados municipais, algo que o Concello da Coruña lles está a negar.