Veira: "Nada sabemos dos resultados da análise e diagnóstico da situación de mobilidade da Coruña"
A Coruña, 29 de agosto de 2013.- A concelleira do Grupo municipal do BNG, Avia Veira, vén de rexistrar unha serie de preguntas para saber sobre a estratexia de mobilidade da área da Coruña e o Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel da Coruña.
É que o Goberno do sr. Negreira, a través da Fundación Emalcsa, formalizou o contrato coa unión das empresas EPTISA e INECO o pasado 21 de marzo (data do acordo de adxudicación é de 14 de febreiro) para a realización dos servizos consistentes na definición da estratexia de mobilidade da área urbana da Coruña e na realización do Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel da Coruña e a día de hoxe só se coñece unha páxina web sobre o PMUS, presentada pola concelleira de Tráfico, o pasado 14 de agosto, con información xenérica e un inquérito sobre mobilidade dirixida a toda a cidadanía, cando, segundo o prego de prescricións técnicas para a contratación destes servizos, se daban dous meses, contados a partir da subscrición do contrato, para a análise e diagnóstico da situación (Fase 1), e cinco meses para a definición de obxectivos (Fase 2). Como salienta a concelleira nacionalista, van aló máis de cinco meses desde a formalización do contrato do Plan de Mobilidade e nada sabemos dos resultados da análise e diagnóstico da situación de mobilidade da Coruña e da súa área metropolitana que se supón que será fundamental para definir, sustentar e xustificar a escolla de solucións a implementar. O documento de análise e diagnóstico debe incluír como mínimo, segundo os pregos, o diagnóstico do transporte público, tráfico privado, , usos do chan, sistemas viarios, aparcadoiros, seguranza vial, aspectos medioambientais e enerxéticos, accesibilidade e xestión tecnolóxica e de coñecemento.
A nacionalista tamén pregunta na súa iniciativa pola participación da cidadanía no desenvolvemento do Plan e como se vai desenvolver esta ao longo de todo o proceso nas súas distintas fases, que accións e dimensións de participación se van desenvolver para promover esta, cando se van levar a cabo , pois na páxina web se recollen unha serie de ferramentas de participación, mais non está o plan de participación e difusión que a finais de xaneiro anunciou o Goberno municipal. O mesmo prego de condicións técnicas, sinala a concelleira, di que se entregará no prazo máximo de trinta días desde a sinatura do contrato un documento de estratexia de participación por parte da empresa adxudicataria.