INICIATIVA DO BNG PARA O #PLENODECEMBRO

Veira insta a alcaldesa a que "pete na porta da Xunta cantas veces faga falta" para lograr a declaración de zona tensionada

20241202_112703
Avia Veira, na conferencia de prensa de presentación da campaña de vivenda
A concelleira do BNG Avia Veira insta a alcaldesa a que “pete na porta da Xunta cantas veces faga falta” para lograr que A Coruña sexa declarada zona de mercado residencial tensionado, figura que aparece na Lei estatal de vivenda.
Veira insta a alcaldesa a que "pete na porta da Xunta cantas veces faga falta" para lograr a declaración de zona tensionada

A concelleira do BNG Avia Veira insta a alcaldesa a que “pete na porta da Xunta cantas veces faga falta” para lograr que A Coruña sexa declarada zona de mercado residencial tensionado, figura que aparece na Lei estatal de vivenda.

Esa declaración permitiría regular os prezos dos alugueres, que escalaron até alcanzar cifras inasumíbeis para unha porcentaxe moi alta da poboación coruñesa.

“Non vemos que Inés Rey estea a facer todo o posíbel para a Xunta declarar A Coruña zona residencial tensionada. A alcaldesa parece non asumir que o da vivenda é un problema social de primeira orde e non o acaba de colocar como prioridade na súa axenda”, afirma Veira, quen levará o asunto ao Pleno do vindeiro mércores 11 de decembro en forma de pregunta oral.

O texto literal da iniciativa é o seguinte: “Considera o Goberno de Inés Rey que está a facer todo o posíbel para que o Goberno Galego declare o mercado da Coruña como tensionado?”.

O BNG denuncia que na Mesa Sectorial de Vivenda non estivesen os colectivos con dificultades para acceder a unha morada digna e si axentes contrarios á declaración de zona tensionada

A diferenza de Inés Rey, o BNG si ve na vivenda un problema social de primeira orde na nosa cidade. “É por iso que acabamos de lanzar unha campaña co lema Vivir na Coruña é...imposíbel e é por iso que volvemos levar o asunto ao Pleno”, esclarece Veira.

Para o BNG, a forma en que se constituíu, o pasado venres, a Mesa Sectorial da Vivenda é moi “reveladora” sobre a sensibilidade do Goberno Local sobre este asunto. “Non estaban representados os principais colectivos con dificultades á hora de acceder a unha vivenda digna na nosa cidade a prezos razoábeis e si, en troca, as promotoras e axentes que non son precisamente favorábeis á declaración da Coruña como zona tensionada”, denuncia Veira. A concelleira botou en falta nesa xuntanza a presenza de asociacións veciñais e de entidades sociais que traballan con persoas que se achan en situación de exclusión social ou teñen serio risco de se veren nela.

Urxe, por tanto, unha mudanza de actitude por parte do Goberno Local. Cómpre que a alcaldesa intensifique a presión política sobre a Xunta. “Non basta con cubrir o expediente de enviar unha carta á conselleira. Hai que facer moito máis do que iso”, conclúe Veira.

 

 

Veira insta a alcaldesa a que "pete na porta da Xunta cantas veces faga falta" para lograr a declaración de zona tensionada