CONFERENCIA DE PRENSA DE AVIA VEIRA
O BNG demanda informes complementarios para ver se se pode dar por resolta a "seria" situación económica do Concello
Así o anunciou esta mañá en conferencia de prensa a portavoz do BNG e candidata nacionalista á Alcaldía, Avia Veira.
Neste momento, existe un informe da Dirección de Área da Concellaría de Economía segundo o cal non sería preciso realizar un Plan Económico e Financeiro no Concello a pesar de existir un burato nas contas de 2025 (un desfase de 12 millóns de euros entre ingresos previstos e gastos realizados e un déficit de algo máis de 9 millóns de euros no remanente líquido de Tesouraría).
En teoría, non sería preciso en aplicación dun decreto do Goberno do estado que excepciona o exercicio 2025 da necesidade de realizar un plan económico e financeiro cando se produce unha liquidación negativa.
Mais a Dirección de Área non deixa de ser un órgano político nomeado polo Goberno Local, polo que o BNG demanda que se pronuncien os órganos técnicos.
“Se a Intervención se pronuncia de acordo co informe da Dirección de Área de Economía, pois por nós todo perfecto e marabilloso. O BNG non quere que se fagan recortes nin en investimentos nin en servizos públicos nin en nada. Somos os primeiros en defender iso, mais tamén para falarmos con todo o rigor do mundo necesitamos esa información complementaria a maiores”, precisou Veira.
A candidata nacionalista á Alcaldía ve no informe da Dirección de Área de Economía “algunhas cuestións e datos” que “non nos cadran e que nos fan precisar de información complementaria”.
Ese informe fai unha previsión de ingresos para o orzamento 2026 “que non nos cadra ben, como se fósemos ter moitísimos máis ingresos”. É certo que “vai haber ingresos a maiores pola reciclaxe de envases de Ecoembes e polo plan de inspección de tributos, mais non chegaría aos 12 millóns de euros [os precisos para cubrir o desfase negativo de 2025)”, remarcou.
“Desde o BNG facemos unha oposición caracterizada polo rigor, o sentido común e a responsabilidade. Somos unha forza política seria e, para dar por resolta unha situación económica que non é precisamente menor, queremos ter canta máis información sexa posíbel. Isto é o que lle reclamamos ao Goberno Local. Agardamos que atenda esta demanda”, alegou.
Quenda de preguntas dos medios
Interpelada sobre a acusación de electoralismo que lanzou a alcaldesa contra o BNG pola posición adoptada polo noso grupo no debate do plan municipal de residuos, Veira foi moi clara: “A mudanza no noso voto tivo que ver con que, como acostuma facer, o Goberno Local non nos consultou asuntos como a licitación conxunta das concesións de limpeza e a recollida do lixo ou o feito de non se ter resolta aínda a cuestión do tratamento dos aceites domésticos. E tivo que ver con sermos coherentes co anuncio feito días atrás de que non apoiaríamos ningún asunto do Goberno Local en tanto non se resolver a situación económica do Concello”.
Mais hai outro actor no Pleno, o PP, que tamén variou o seu sentido de voto e que foi materialmente quen tombou o plan municipal de residuos. “E dese actor esqueceuse na súa crítica a alcaldesa”, censurou Veira.
Canto á proposta de constitución dunha área de prestación conxunta do taxi a escala metropolitana, Veira criticou que a alcaldesa non estea disposta a se reunir coas entidades do sector. “O BNG desde logo si o fará. A mobilidade só se pode construír con diálogo”, concluíu.