CONFERENCIA DE PRENSA DE MERCEDES QUEIXAS E IRIA TAIBO

Nas emendas aos orzamentos da Xunta, o BNG pide 80 millóns de euros máis para A Coruña e a súa comarca

Mercedes Queixas e Iria Taibo. Conferencia de prensa para presentar as nosas emendas parciais aos orzamentos da Xunta.
Un momento do encontro cos medios
Nas súas emendas aos orzamentos da Xunta para 2025, o BNG pide 80 millóns de euros máis para A Coruña e a súa comarca, informaron esta mañá en conferencia de prensa as deputadas do BNG Mercedes Queixas e Iria Taibo.
Nas emendas aos orzamentos da Xunta, o BNG pide 80 millóns de euros máis para A Coruña e a súa comarca

Os orzamentos da Xunta para 2025 representan un descenso no gasto e investimento do Goberno galego na nosa cidade e comarca ao pasar dos 107 millóns de euros de 2024 aos 101 para o vindeiro exercicio.

“Con estes orzamentos a Xunta vólvelle virar as costas á Coruña e a desatender o seu enorme potencial económico, cultural e social”, afirmou Mercedes Queixas. “A Xunta demostra a través deste proxecto de orzamentos unha gran falta de compromiso coa nosa comarca”, remarcou Iria Taibo.

Se se aprobaren as emendas do BNG, o orzamento da Xunta para A Coruña e comarca veríase incrementado en 80 millóns, 30 para a cidade e 50 para os concellos lindeiros.

As emendas do BNG visan fundamentalmente reforzar os servizos públicos e poñen o foco nos principais problemas da sociedade, a comezar polo acceso á vivenda. “Responden tamén a unha visión metropolitana, dunha cidade totalmente integrada coa súa contorna”, explica Mercedes Queixas.

Cidade da Coruña

Así, o BNG propón unha partida de 3 millóns de euros para a creación dun centro de día para maiores que dea resposta ao déficit de oferta pública que soportamos na nosa urbe, despois de o PP ser incapaz de crear unha soa praza en residencias públicas nos seus 15 ininterrompidos anos de goberno á fronte da Xunta.

Canto aos problemas habitacionais, o BNG emenda as contas da Xunta coa intención de dar impulso á creación dun parque público de vivenda, ao tempo que procura atender as necesidades do estudando pondo en marcha residencias públicas para universitarios.

A dotación de vacantes e reforzo de profesionais xinecólogos nos Centros de Orientación Familiar de Orillamar e Ventorrillo (200 mil euros para cada un deles), o reforzo dos recursos humanos e materiais no Centro de Sáude do Novo Mesoiro (200 mil euros), a mellora dos complexos deportivos de titularidade da Xunta (un millón de euros) e a atención das necesidades dos centros educativos da cidade (por exemplo, CEIP Rosalía de Castro e CEIP de Prácticas) cunha partida de 150 mil euros, dan corpo a outro conxunto de emendas formuladas polo BNG ás contas da Xunta.

20241209_100638
Iria Taibo, a explicar as emendas referidas á comarca

A cultura merece un capítulo aparte para o BNG, sendo que A Coruña o ten todo para a ser a capital cultural do País: só lle falta un apoio decidido por parte do Goberno galego.

Así, o BNG propón que a Xunta, como membro do Padroado, contribúa con 500 mil euros para pór en valor o legado da Fundación Luís Seoane, de modo a tornala nun centro de referencia da arte contemporánea galega e ao mesmo tempo nunha marca da cidade.

E logo está a débeda da Xunta coa Orquestra Sinfónica de Galiza, cifrada en 5,8 millóns de euros. O plan do BNG é que se vaia saldando de forma plurianual, a razón dun millón de euros durante os próximos 5 exercicios. E iso é o que se plasma na emenda a estes orzamentos. “Agardamos que o PP rectifique, despois de ter votado contra esta proposta na Comisión de Cultura do Parlamento galego”, enfatizou Mercedes Queixas.

A comarca

Canto á comarca, sobrancean as emendas destinadas a mellorar as infraestruturas de comunicación, con achegas para a finalización da Vía Ártabra de modo a continuar até a súa unión coa A6, “constituíndo unha auténtica circunvalación da comarca coruñesa, libre de peaxes e con altas prestacións”, salientou Taibo.

O rescate da AG55, para a súa gratuidade no treito Arteixo-A Coruña, merecería, en opinión do BNG, un emenda específica ao estarmos perante unha arteria vital “do punto de vista económico e social” e de vertebración da comarca.

A vivenda pública tamén require un impulso decidido nos orzamentos da Xunta na contorna da nosa cidade, así que o BNG propón unha emenda para a construción de moradas públicas nos concellos de Arteixo, Cambre, Carrral, Cerceda, Culleredo, Oleiros e Sada.

Tamén hai espazo para o medio ambiente nas emendas do BNG, que se centran na descuberta do Río Maior de Sada (100 mil euros) e na realización dun plan de xestión do monumento natural da Costa de Dexo (300 mil euros).

A respecto do reforzamento de servizos públicos -con propostas para aumentar medios humanos e materiais en centros de ensino e saúde- o BNG propón destinar un millón de euros  á  residencia de maiores de Oleiros, con vistas a reparar deficiencias nas infraestruturas e a aumentar o cadro de persoal.

De resto, o BNG emenda tamén as contas da Xunta para dotar con 5 millóns de euros un plan de reindustrialización da cidade e a comarca. “Somos o motor económico da Galiza e merecemos un maior compromiso do Goberno Galego para o desenvolvemento do sector sector industrial e do I+D+i”, concluíu Queixas.

 

 

 

Nas emendas aos orzamentos da Xunta, o BNG pide 80 millóns de euros máis para A Coruña e a súa comarca

Este sitio usa cookies propias e de terceiros para desenvolver información estatística e amosar publicidade relacionada coas súas preferencias mediante a análise da súa navegación. Mais detalles >