SOBRE O BALANCE DE XESTIÓN FEITO POLO GOBERNO LOCAL
"O triunfalismo e a autocompracencia non dan ocultado a realidade dun Goberno de Inés Rey esgotado e sen ideas"
“O triunfalismo, a autocompracencia e a propaganda non dan ocultado a realidade dun Goberno de Inés Rey esgotado e sen ideas novas”, afirma a candidata do BNG á Alcaldía, Avia Veira, como reacción ao acto organizado polo Goberno Local para facer balance da súa xestión.
O Goberno de Inés Rey arrógase actuacións doutras administracións e gábase de logros que son froito de acordos co BNG (desde a oficina para o asesoramento das persoas que viven alugadas até determinados investimentos nos barrios).
“Ao longo dos seus case 8 anos de mandato, o Goberno de Inés Rey ten demostrado que falla no pequeno, no mediano e no grande. Falla no pequeno -na limpeza das rúas, no mantemento dos barrios-, falla no mediano -cos contratos caducados en servizos como o do bus urbano ou o da planta de Nostián- e falla no grande, coa mala xestión das contas do Concello, cun desfase orzamentario de 12 millóns de grandes, e co anuncio de eventos que, como o mundial 2030, finalmente fican en nada”, avalía Avia Veira.
“É un Goberno Local que, ademais, nin escoita nin dialoga. Compórtase como se tivese maioría absoluta, cando nin sequera a ten simple”, censura a nosa portavoz en María Pita.
Para Avia Veira, é evidente tamén que Inés Rey “como alcaldesa non ten sido capaz de formar e liderar un equipo cohesionado. E sen un equipo cohesionado é imposíbel xestionar ben a cidade”.
“É un Goberno Local que goberna pensando non na xente nin nos barrios, senón nos intereses duns poucos. Fai as cousas por impulsos, sen planificación, sen compromisos firmes e sen traballo constante”, conclúe.