IGNACIO SIOTA: “VIVIR NA CORUÑA CONTINÚA A SER BONITO, PERO OS PREZOS DA VIVENDA FANO IMPOSÍBEL"
O BNG presenta a campaña "Vivir na Coruña... é imposíbel"
A campaña ilústrana dous cartaces, xa pendurados nas rúas, con imaxes aéreas da Coruña, un deles sementado de etiquetas indicativas dos altos prezos que alcanzan os alugueres das casas, acompañadas dos símbolos dos pisos baleiros e das vivendas de uso turísticos. Nese mesmo cartaz hai un código QR que conduce á web jorquera.gal, onde se abre un espazo en que se detallan as distintas alternativas e propostas do BNG nesta materia.
“Todos sabemos de que estamos a falar. Os prezos das vivendas están a alcanzar niveis que son imposíbeis de asumir para persoas con salarios normais”, denuncia Ignacio Siota, quen a seguir esclarece o alcance do lema escollido polo BNG para esta campaña: “Vivir na Coruña claro que continúa sendo bonito, mais os prezos da vivenda estano a facer imposíbel”.
O BNG da Coruña lanza esta campaña porque a formación nacionalista pon o foco “nos problemas da cidadanía”. “Día a día a experiencia de calquera de nós fainos ver que o da vivenda é un enorme problema na Coruña. E quero salientar que non só afecta a mocidade. Afecta tamén unha muller de 45 anos que se queira separar e que co seu salario non pode pagar determinados alugueres. Afecta a xente traballadora que se ve obrigada a compartir piso...”, exemplificou Veira.
Para a concelleira nacionalista, o problema non se resolve desde a lóxica do mercado, desde o funcionamento puro e duro da lóxica da oferta e da demanda. “Estámolo vendo con novas promocións que poñen á venda pisos a 300 mil euros, fóra do alcance das maiorías sociais”, critica.
Cómpren, por tanto, políticas públicas, sendo que precisamente a ausencia desas políticas públicas de vivenda está na orixe das enormes dificultades que teñen as persoas para satisfacer o seu dereito a unha morada digna.
“O Estado español está á cola da UE na construción de vivendas públicas. Pois ben, Galiza infelizmente está á cola do Estado español nese capítulo”, remarca.
Veira reivindicou, por contraste, o labor do BNG á fronte da Consellaría de Vivenda durante o bipartito (2005-2009). “Nese período si houbo unha política de vivenda pública valente. Mais chegou Feijoo e desmantelou todo o traballo feito”, censurou. A proba témola en que nos últimos 15 anos o balance da Xunta na nosa cidade é desolador: apenas entregou 40 pisos en Xuxán.
“Non hai unha única solución máxica para un problema complexo. Mais si que hai solución se as distintas administracións implicadas fan ben o seu traballo”, argumentou Veira.
Así, o Goberno Local debe intensificar a súa presión política para a Xunta declarar A Coruña como zona tensionada –“non abonda con lle enviar unha carta á conselleira-, reforzar a Empresa Municipal de Vivenda –“para que realmente o sexa”-, darlle pulo ao servizo de asesoramento aos inquilinos -creado a instancias do BNG-, aumentar o parque municipal de vivendas e impulsar a regulación das vivendas de uso turístico.
Canto á Xunta -a administración que, recalcou, ostenta a maior parte das competencias na materia-, o Goberno galego debe deixar de pór escusas e declarar A Coruña como zona tensionada, desenvolver un programa de compra de vivendas baleiras (unha medida máis ecolóxica que a construción de novas casas, sen desbotar por suposto esta), conceder axudas a persoas que están en risco de seren desafiuzadas con vistas a que podan manter as súas moradas, e crear residencias públicas para estudantes universitarios. “As primeiras prazas que se crearon nunha residencia pública [a Elvira Bao] na nosa cidade débense ao empeño da Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello. A Xunta non puxo aí un peso”.
Avia Veira: “Nin PP nin PSOE se están a tomar o problema da vivenda en serio. Á Xunta pedímoslle que declare xa A Coruña como zona tensionada, ao Goberno Local que impulse a ordenanza sobre as vivendas turísticas e ao Estado que aumente a protección das persoas alugadas con contratos máis longos e estábeis”
Desde o Estado tamén se poden adoptar medidas positivas, entre elas citou Veira o aumento da protección para as persoas alugadas con contratos máis longos e estábeis, a limitación dos prezos dos alugueres e dos xuros das hipotecas, o incremento da reserva do solo para vivendas públicas nos novos ordenamentos urbanísticos, a cesión gratuíta aos concellos dos inmóbeis da Sareb e “a posta ao servizo da sociedade dos terreos do Ministerio de Defensa” que ten que deixar de ser Defensa S.A..
Sobre estas dúas últimas cuestións, recalcou Veira que se trata de promesas feitas por Pedro Sánchez en campaña electoral. E nese sentido ante o último anuncio do presidente do Goberno central -a creación dunha empresa estatal de vivenda-, Veira puxo o acento en que “o que ten que facer o PSOE é pasar dos anuncios aos feitos, cumprindo primeiro o que xa prometera en campaña”.
A xuízo da concelleira nacionalista, nin PP nin PSOE se están a tomar a serio o asunto da vivenda, e en relación con isto lembrou que en febreiro, na campaña das eleccións galegas, o PP chegou a dicir que non tomara medidas na materia durante os seus quince anos de goberno ininterrompidos porque non se decatara de que estamos diante dun grave problema social, "cando é unha evidencia para todo o mundo e o BNG leva moitos anos facendo propostas para o enfrontar”.
Sobre a urbanización de Monte Mero
Na quenda de preguntas dos medios, Veira foi interpelada a respecto dos plans da Xunta para urbanizar Monte Mero a partir da adquisición de 43 hectáreas en terreos lindeiros coa antiga Fábrica de Armas.
“É bo que haxa desenvolvementos de vivenda pública, mais deben ser fundamentalmente en réxime de aluguer”, defende Veira, quen a seguir critica o recente aumento dos prezos da vivenda protexida -até 30%- decretado pola Xunta. “Ese incremento, que nós desde o Parlamento cualificamos como un grande erro, dificulta moito o acceso a esas casas por parte de moitísimas persoas”, alega.