Veira: "O Goberno ocultou información ou está improvisando a respecto da Solana-Finisterre"

Veira: "O Goberno ocultou información ou está improvisando a respecto da Solana-Finisterre"

A Coruña, 11 de maio de 2016.- O Grupo Municipal do BNG pregúntase como é posíbel que de súpeto o Goberno municipal propoña que a venda do Hotel Finisterre e a Solana se produza por separado co fin último de que o Concello da Coruña poida adquirir as instalacións do complexo deportivo-recreativo: ou ben na sesión plenaria de abril o Goberno ocultou información cando se lle preguntou pola venda destes terreos anunciada pola Autoridade Portuaria ou ben se están improvisando propostas inadmisíbeis que supoñen pagar pola porta de atrás parte da débeda da Autoridade Portuaria cos cartos de todos os coruñeses e de todas as coruñesas.

Veira: “Ou ben o Goberno municipal ocultou información cando se lle preguntou no Pleno de abril sobre a venda dos terreos da Solana e do Finisterre anunciada pola Autoridade Portuaria ou agora está improvisando con propostas inadmisíbeis como a de hoxe, de comprar os terreos da Solana, pagando así cos cartos de todas as coruñesas e coruñeses pola porta de atrás parte da débeda da Autoridade Portuaria”

Panorámica da Solana (en primeiro plano) e o hotel Finisterre

Para o BNG, esta proposta, adiantada polos medios de comunicación, enmarcada no punto relativo a enaxenación de bens desafectados de dominio público -isto é o Hotel Finisterre e a Solana- da reunión do Consello de Administración da Autoridade Portuaria confirma as sospeitas a respecto da actuación do Goberno municipal que as nacionalistas viñeron denunciando nas últimas datas.

O Bloque lembra que no Pleno de abril preguntou polas medidas que tiña pensado adoptar o Executivo local para evitar a operación especulativa e que o propio concelleiro de Rexeneración Urbana non contestou á pregunta en ningún momento e non concretou actuación algunha por parte do Goberno municipal.

O Grupo municipal do BNG rexeita a proposta que o Executivo local trasladou no Consello de Administración da Autoridade Portuaria de que a venda do Hotel Finisterre e a Solana se produza por separado, co fin último de que a Administración local merque estas últimas instalacións

Vista do Hotel Finisterre desde o Paseo do Parrote

“A pregunta era moi concreta. Preguntabamos que medidas tiña pensado adoptar o Goberno municipal para evitar a operación especulativa de venda dos terreos onde se sitúan o Hotel Finisterre e a Solana. Unicamente aludiuse a que a decisión sobre os terreos onde se sitúan o Hotel Finisterre e a Solana, encadrase dentro dun debate máis amplo, que define a relación futura da cidade co seu porto interior e citou á reunión que tiveron con Portos do Estado onde, segundo o propio Xiao Varela, se conseguiu abrir o melón, o do futuro dos peiraos do porto interior a respecto dos convenios asinados no 2004, mais sen dar a coñecer en que termos se producirá esa «negociación». Pois ben, Xiao Varela ou ocultou información nese momento, omitindo a actuación a respecto das intencións que tiña o Goberno municipal, ou o que se está facendo agora é froito da improvisación, dunha actuación pouco meditada e que nós non compartimos de ningunha maneira”, indica Avia Veira.

O BNG indica que parece confirmarse a sospeita de que o Goberno municipal está realizando un «intercambio de cromos» coa Autoridade Portuaria derivada da reunión mantida o 30 de marzo entre representantes do Concello e Portos do Estado, na que se tratou o Convenio de 2004 de Financiamento do Porto Exterior e a raíz da cal o ente portuario anunciou a venda dos terreos da Solana e do Finisterre

Para as nacionalistas cómpre lembrar que se trata de terreos sobre os que se produciu un cambiazo urbanístico no que ten a ver coa cualificación do solo, previsto inicialmente como dotacional público, e que no proceso de elaboración e finalmente de aprobación do PXOM o Partido Popular pasou a cualificar de dotacional privado: a cualificación cámbiase no PXOM aprobado provisionalmente en agosto de 2012, onde estes case 30.000 m2 de superficie aparecen, de súpeto, e sen xustificación aparente, cualificados como dotacional privada. O BNG sinala finalmente que a aprobación definitiva do PXOM polo PP en 2013 mantivo a cualificación o que supuxo todo un pelotazo urbanístico e un dos motivos polos cales as nacionalistas teñen impugnado o Plan Xeral nos tribunais.

 

Artigos relacionados

Veira: "O Goberno ocultou información ou está improvisando a respecto da Solana-Finisterre"