O BNG preocúpase polo afloramento de manifestacións neonazis na nosa cidade
A Coruña, 10 de maio de 2016.- O Bloque Nacionalista Galego presentará mañá unha solicitude de entrevista coa Delegación de Goberno co obxecto de tratar a recente situación que nas últimas datas se están a producir de visibilidade de manifestacións neonazis na Coruña.
O BNG solicitará unha entrevista coa Delegación do Goberno para tratar a recente situación de visibilidade de manifestacións neonazis na nosa cidade
As nacionalistas sinalan como moi alarmantes os episodios que están acontecendo nas últimas datas, destacándose o de maior gravidade o acontecido nesta fin de semana, na madrugada do sábado ao domingo pasados, cando un mozo da nosa cidade foi brutalmente agredido ao berro de "Arriba España", precisando posterior asistencia hospitalaria e cirúrxica debido aos golpes recibidos, tal e como veu reflectido en diversos medios de comunicación.
O Bloque salienta que non é a primeira vez que elementos de extrema dereita se deixan sentir na nosa cidade, pois en datas recentes apareceron pintadas desta ideoloxía boicoteando o mural que luce na Torre de Maratón en homenaxe ao seareiro deportivista Jimmy, asasinado por neonazis do Frente Atlético. E anteriormente, tamén, apareceran esvásticas e cruces célticas en diversos murais e paredes existentes na cidade.
As nacionalistas presentarán mañá o escrito de solicitude de entrevista co obxecto de abordar, entre outros temas, a brutal agresión sufrida por un mozo esta fin de semana ou as pintadas de esvásticas e de simboloxía neonazi aparecidas en distintos lugares da Coruña
Para o BNG, pola gravidade do acontecido na madrugada do sábado ao domingo pasado, o "modus operandi", que o ataque puidera ser cometido cun obxecto contundente tipo puño americano, segundo algunhas información periodísticas, e que foi acompañado dun berro claramente connotado, toda lóxica conduce inequivocamente a pensar que foi cometido por unha persoa ou persoas de ideoloxía fascista.
É por isto que o Bloque, ante esta situación de visibilidade de manifestacións neonazis crecentes na nosa cidade, solicita manter unha xuntanza coa Delegación do Goberno a fin de abordar a situación.