Veira: "Se é o Concello compra os peiraos interiores estará financiando por atrás o Porto Exterior"

Vista aérea do Porto da Coruña
Veira: "Se é o Concello compra os peiraos interiores estará financiando por atrás o Porto Exterior"

A Coruña, 1 de abril de 2016.- O BNG sinala que, tal e como está o convenio, a compra dos terreos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo que está disposto a facer o Goberno Local supón que o Concello da Coruña financie pola porta de atrás a obra do Porto Exterior.

O BNG advirte que, tal e como está o convenio, a compra dos terreos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo que está disposto a facer o Goberno Local supón que o Concello da Coruña financie pola porta de atrás a obra do Porto Exterior

Vista dos peiraos inetriores do porto da Coruña

E é que o convenio asinado en 2004 estabelece que a obra do Porto Exterior se financiaría en parte cos beneficios obtidos da venda dos peiraos interiores da cidade, de Batería e de Calvo Sotelo, polo que se é o Concello quen compra estes terreos estará pagando as obras do Porto Exterior, cousa que non é a súa competencia e si é do Estado español que debía ter financiado esta instalación portuaria en base aos orzamentos xerais do Estado, tal e como vén demandando o BNG e tal e como se ten feito noutras cidades como en Xixón.

As nacionalistas fan fincapé en que a poxa dos terreos da Maestranza, a venda dos peiraos do porto interior e agora dos terreos da Solana –logo dunha modificación na cualificación urbanística irregular denunciada no recurso do BNG ao PXOM-  semellan formar parte dunha operación de venda por anacos do patrimonio público da nosa cidade

As nacionalistas fan fincapé na relación que existe entre a poxa dos terreos do Campo da Estrada (A Maestranza), a venda destes peiraos interiores e a venda dos terreos onde se sitúan o hotel Finisterre e A Solana que a Autoridade Portuaria anunciou esta semana. Así pois, o Bloque amósase moi crítico con esta operación de venda por anacos do patrimonio público da cidade orquestrada desde as institucións do Estado na que o Concello da Coruña, e o Goberno local en particular, non pode ser cómplice.

“Un dos motivos polo que o BNG recorreu o PXOM ante os tribunais é a excepción do deber legal de de cesión do 10% do aproveitamento para a reserva de dotacionais xerais e locais correspondente, as nacionalistas cualificaban isto como nulo de pleno dereito porque esa excepción do deber legal de cesión do 10% en chan non consolidado non está contemplado nin na lexislación estatal nin na autonómica”, lembran desde a formación nacionalista.

O Bloque insiste na importancia de que, na modificación na ordenación dos espazos portuarios precisa para que estes teñan usos sociais ou para a cidadanía como sinalou nestes días o Sr. Ferreiro, se preserve a actividade económica do porto actual como lugar de actividade comercial e de pesca

Vista aérea do Porto da Coruña

Así mesmo, o Bloque sinala que para que os terreos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo teñan o uso social ou para a cidadanía do que fala o Sr. Ferreiro é necesario modificar o planeamento urbanístico xa que o que contempla o PXOM actualmente nas súas fichas urbanísticas é a construción de mamotretos de até 10 alturas.

Por último, en coherencia co recollido nos seus programas electorais de 2011 e 2015 e coa súa aposta polos sectores produtivos da cidade, o Grupo Municipal do BNG insiste na importancia de que na modificación na ordenación dos espazos portuarios se preserve a actividade económica do porto actual como lugar de actividade comercial e de pesca por ser un motor de xeración de riqueza e emprego importantísima para a nosa cidade.

 

Veira: "Se é o Concello compra os peiraos interiores estará financiando por atrás o Porto Exterior"