Valencia: "Para o PP gobernar é dilapidar e facer negocios cos seus amigos"
A Coruña, 3 de decembro de 2012.- "Para vostedes, gobernar significa dilapidar, facer negocios cos seus amigos e deixar sen orzar gastos fixos como o bonobús social", así resumía a concelleira Ermitas Valencia a xestión do PP á fronte do Goberno municipal no debate da aprobación definitiva do terceiro modificativo de crédito deste ano, que contou co voto en contra do BNG logo de que o PP desestimara as alegacións dos nacionalistas. "Os números cantan, ao que o PP chamaba na oposición facturas irregulares sin control dedícanlle máis da metade deste modificativo de crédito, en concreto, 1,12 millóns de euros", sinalou Valencia. "Mentres dilapidan os cartos da cidadanía en darlles negocios aos seus amigos, pídenlles máis créditos aos bancos, en base a unha previsión de ingresos suicida", engadiu.
Fixo fincapé a concelleira nacionalista en diversos dispendios do Goberno do Sr. Negreira: os 405.914 euros que puxo o concello para tres días de Tall Ships Races, dos que 231.905 foron para propaganda, ou a Laponia coruñesa que está instalada na praza de María Pita, que custa 145.000 euros. "Esta é a falsa austeridade que está a levar o Concello da Coruña a aumentar a súa débeda e aprobar modificativos de crédito coma este, con facturas pendentes da etapa de goberno do PP, ou é que non se lembrar de cando entraron a gobernar?", salientou. "E iso que ían poñer o contador a cero en marzo...", ironizou.
Valencia critica a sucidade dos barrios, malia os cartaces que anuncian o Plan Rúa en cada portal
Nesta liña, criticou que para pagarlles aos amigos polos servizos prestados teñan que recortar máis de 400.000 euros do contrato de limpeza viaria para pagar o tratamento do lixo en Nostián. Fixo entón alusión ao gasto do PP en propaganda para anunciar o Plan Rúa, "cun cartaz en cada portal para anunciar o que se fixo toda a vida, mais, agora, cos barrios máis sucios polos seus recortes en limpeza".
Por último, Valencia referiuse ao populismo do Sr. Negreira, que vai facerse fotos e repartir churros aos barrios en que centos de persoas xa viven por debaixo do limiar da pobreza por culpa das políticas destrutivas do PP.
O BNG critica a eliminación da paga extra aos traballadores e traballadoras municipais
Outro dos puntos da orde do día foi a aprobación da declaración como non dispoñíbel no orzamento do IMCE para o abono da paga extra, un punto que tamén contou co voto en contra do BNG. "Trátase do traslado ao Concello dun real decreto do PP que culpa e empobrece a clase traballadora", sinalou Valencia. "Mentres privatizan servizos básicos e aumentan a débeda do estado, non polo gasto público, senón porque asume os furados da banca, rebáixanlle o salario aos e ás empregadas públicas", salientou.
Por último, puxo de manifesto que da crise "non se sae empobrecendo a clase traballadora nin pechando comercios coas súas políticas de devastación".
O BNG advirte da tramitación incorrecta do Plan Especial de SLG Carbón
Tamén foi a Pleno a aprobación definitiva do documento de Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións de SGL Carbón, un punto en que o BNG se abstivo, ao tramitarse incorrectamente. Así o puxo de manifesto o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, na súa intervención. "A arquitecta municipal emitiu un informe desfavorábel en que se advertía de que o documento debería corrixirse para continuar coa súa tramitación, mais non se fixo", explicou, a Xunta de Goberno Local aprobou o plan especial contra o informe técnico", engadiu.
Carril expuxo que as deficencias non eran simples erros e denunciou que o Goberno do Sr. Negreira, facendo caso omiso do informe da técnica, someteu ao trámite de exposición pública un documento que non era nin o real nin o verdadeiro. "O proceso de participación da cidadanía ficou totalmente desnaturalizado e sen eficencia", salientou, "menos mal que ninguén alegou nada, porque de nada lle serviría, tendo en conta que o documento ía ser revisado substancialmente despois".
O portavoz nacionalista sinala que o Goberno municipal debería terlle esixido á empresa a presentación dun novo proxecto cos cambios requiridos polos técnicos municipais, para que fose informado de novo e logo de ser aprobado inicialmente pola Xunta de Goberno Local en caso de estar todo ben e, unha vez feito todo isto, deberíase someter o documento ao trámite de información pública.