O BNG advirte da falta de concreción da axenda dixital

O BNG advirte da falta de concreción da axenda dixital

A Coruña, 3 de decembro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, puxo de manifesto esta mañá en Pleno a valoración positiva dos nacionalistas a todas as actuacións encamiñadas ao uso e fomento das TIC para termos unha economía tamén baseada no coñecemento e na innovación, en que se faga un uso máis eficiente dos recursos e na que se fomente o pleno emprego e a cohesión social, mais explicou que as TIC sempre deben implicar unha aposta pola mellora dos servizos publicos. Así o apuntou no debate da aprobación do proxecto denominado Axenda Dixital da Coruña, que contou coa abstención do BNG debido á pouca concreción en liñas de actuación e proxectos e á falta de fichas que indican obxectivos, colectivos aos que se dirixe, axentes responsábeis, outros axentes implicados, prazos de execución e descrición completa das accións. Tamén expuxo os aspectos que o BNG bota en falta, como a aplicación das TIC nos sectores produtivos ou as escasas medidas para evitarmos a exclusión dixital.

Ademais de poñer de manifesto que a axenda dixital da Coruña "estabelece tres fases, Carril advertiu de que é moi xenérica en moitos dos seus apartados". Comparouna coa de Bilbao, "máis concreta e con maior precisión do que se quere facer".

Carril sinalou que "se trata de conseguir que a xestión urbana sexa máis sustentábel en todos os sentidos". Engadiu que "o reto da sustentabilidade está en cuestións máis relacionadas coa organización social e de espazos físicos de convivencia, cos servizos públicos e coas dinámicas xeradoras de emprego atendendo aos sectores estrátexicos da cidade".

 

O BNG advirte da falta de concreción da axenda dixital