Valencia critica o agasallo de 1,4 millóns a Cáritas para rehabilitarlle un edificio
A Coruña, 19 de outubro de 2012.- A concelleira nacionalista Ermitas Valencia critica que o Goberno municipal agasalle con 1.442.258,56 euros a Cáritas para a rehabilitación do edificio Boandanza. Precisamente hoxe a Xunta de Goberno Local autorizou o gasto e declarou a urxencia na tramitación, coa aprobación do expediente de contratación e dispor a apertura do procedemento de adxudicación das obras do proxecto de reforma deste edificio propiedade da entidade eclesial.
"Como o BNG xa advirtiu cando o PP anunciou a reprogramación das obras a realizar no proxecto Urban-C, o Goberno do Sr. Negreira substitúe a construción dun centro de día público por un agasallo a Cáritas disfrazado de cesión", advirte Valencia. "E isto, tendo en conta que o convenio leonino asinado entre o Goberno municipal e Cáritas supedita a actuación pública sobre o centro día e o centro social á opinión e ás directrices de Cáritas, sobre todo se esta non fose a concesionaria que xestionase o centro", engade.
O inmoble, cedido ao Concello baixo unhas obrigas desproporcionadas
A concelleira do BNG critica, ademais, que este inmoble lle sexa cedido ao Concello "baixo unhas obrigas desproporcionadas que fan non só rehabilitarlle o edificio a esta entidade eclesial, senón que Cáritas vai seguir tendo o control das obras que alí se fagan e incluso da actividade futura que o concello poida desenvolver".
Valencia advirte de que se Cáritas non é a adxudicataria da xestión do centro, a empresa gañadora do concurso está obrigada a subrogar os sete traballadores que hai na actualidade (directora, dúas cociñeiras, conserxe, auxiliar de servizos e dúas limpadoras). Ademais, critica que o Concello, ademais de facerse cargo das obras, do mantemento e dos tributos, terá que pedirlle permiso a Cáritas para o desenvolvemento de calquera actividade que alí se desenvolva, sobre todo, no centro social.
A concelleira do BNG tamén denuncia que o Concello está obrigado a facilitarlle a Cáritas "a formulación de suxestións e correccións, requisito indispensábel para a execución das obras por parte do Concello", segundo se recolle no convenio asinado entre o Goberno do Sr. Negreira e a entidade eclesial. Ademais, segundo este convenio, Cáritas poderá comprobar "se as obras se realizaron de acordo co proxecto aprobado e aceptar ou non as modificacións que se puidesen producir". "É dicir, vai haber unha dupla recepción das obras, unha delas extraoficial, por parte de Cáritas, que poderá comprobar se as súas suxestións formuladas para a realización da obra foron recollidas", conclúe Valencia.