FESTAS NOS BARRIOS
Trasladaremos ao próximo Pleno de xuño as festas nos barrios e o programa “Facemos Comunidade”
Preguntaremos, entre outras cuestións, quen formou parte da mesa que valorou os proxectos presentados, que pasará coas festas naqueles barrios onde as súas entidades non presentaron proxectos ou que pensa realizar o Goberno Municipal cos, como mínimo, 80.000 euros sobrantes ao só ser 17 os proxectos presentados e que cumpren cos requisitos da convocatoria
Tamén queremos que se dean explicacións sobre o por que non se notificou ás entidades de xeito formal a resolución xa que logo tiveron coñecemento a través da nota pública enviada polo Executivo, que provocou o retraso de dúas semanas sobre o prazo no que se tiña que anunciar esta resolución, así como por que algunhas entidades que non presentaron proxecto recibiron fora de prazo un correo da Concellaría de Culturas advertindo a circunstancia e instando a presentar o proxecto á maior brevidade posíbel
Cando en marzo preguntabamos en Pleno sobre o obxecto desta convocatoria indicóusenos que o seu obxectivo era unificar as festas nos barrios a través de procesos máis xustos, equilibrados e igualitarios para todas as entidades, e sempre en colaboración coas asociacións. Mais por agora entendemos que o programa Facemos Comunidade estase a realizar de xeito pouco transparente, improvisado, sen acompañamento das entidades e coas festas xa enriba, o que está imposibilitando que as entidades poidan planificar o seu traballo
Vimos de rexistrar unha batería de preguntas (podes ver aquí a nosa iniciativa) sobre a resolución do programa “Facemos Comunidade”, que este pasado venres foi anunciado polo Goberno Municipal, e a través do cal se establecen as subvencións destinadas aos proxectos de festas nos barrios para este ano 2017.
Así, en primeiro lugar queremos que se aclare quen formou parte da mesa que valorou os proxectos xa que logo as bases da convocatoria indicaban que ademais do concelleiro, ou persoa en quen delegara, esta estaría formada por un funcionario municipal vinculado a área de Culturas e de tres representantes do tecido asociativo e cultural da cidade, mais en ningún momento desde o Executivo local se informou do procedemento de elección destas persoas e en quen recaeu finalmente esta responsabilidade.
Asemade, tamén trasladamos na iniciativa a nosa preocupación polo que acontecerá naqueles barrios onde as súas entidades non presentaron proxecto e se o Goberno municipal garantirá igualmente a súa inclusión en eventos ou actividades dentro do programa das festas para a cidade ou mesmo dentro do programa de Festas María Pita.
Neste sentido, advertimos que a dotación do programa Facemos Comunidade ascendía a 250.000 euros, con contía máxima subvencionábel para cada entidade de 10.000 euros, polo que ao haber tan só 17 proxectos aprobados, como mínimo existen 80.000 euros de excedente orzamentario, polo que preguntan que pensa realizar o Goberno local ao respecto.
Tamén queremos que se dean explicacións a respecto de dúas cuestións que ao noso xuízo son moi preocupantes. En primeiro lugar queremos que se aclare por que o Executivo local non notificou persoalmente ás entidades a resolución deste programa realizando unha notificación xenérica e a través dunha nota de prensa enviada aos medios, xa que logo as entidades tiveron que presentar de xeito formal un proxecto, debidamente xustificado en tempo e en forma. E, en segundo lugar, en relación co anterior, por que algunhas entidades que non presentaron proxecto recibiron fora de prazo un correo da Concellaría de Culturas advertindo a circunstancia e instando a presentar o proxecto á maior brevidade posíbel. Ambas circunstancias parécennos graves e merecen unha explicación aclaratoria, se pode darse.
Outras das aclaracións que demandamos refírense á publicación fora de prazo da resolución ao se realizar este pasado venres cando nas propias bases da convocatoria se indicaba que sería realizada aos trinta días de rematado o prazo de presentación dos proxectos (o quince de marzo), e cal foi o motivo para que isto se producira.
Cando en marzo preguntabamos en Pleno sobre o obxecto desta convocatoria indicóusenos que o seu obxectivo era unificar as festas nos barrios a través de procesos máis xustos, equilibrados e igualitarios para todas as entidades, e sempre en colaboración coas asociacións. Mais por agora entendemos que o programa Facemos Comunidade estase a realizar de xeito pouco transparente, improvisado, sen acompañamento das entidades e coas festas xa enriba, o que está imposibilitando que as entidades poidan planificar o seu traballo.
A Coruña, a 16 de maio de 2017
Noticias relacionadas: