Un transporte público con prezos populares e frecuencias acaídas

Un transporte público con prezos populares e frecuencias acaídas

A Coruña, 19 de setembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG insta o Sr. Negreira a abandonar a política de propaganda na que está instalado, en alusión á campaña da semana pola mobilidade, e a actuar para que o transporte público estea, verdadeiramente, ao servizo da cidadanía e non dunha empresa. Os nacionalistas lamentan que a política de mobilidade do Goberno local se basee na supresión do carril bus, no encarecemento das tarifas, na destrución da mediana da avenida de Oza e na propaganda.

 

O BNG critica que o Goberno local lle dera as costas á cidadanía e rexeitara a moción presentada neste último Pleno para a revisión da concesión da Compañía de Tranvías, despois de que as subvencións outorgadas polo Concello lle permitisen gañar á empresa 4 millóns de euros, e repartir 2 millóns en dividendos. Os nacionalistas insisten en reclamar melloras no servizo de transporte colectivo por estrada, para que os barrios fiquen unidos entre si e cos puntos estratéxicos da cidade e os polígonos industriais, e en solicitar o abaratamento das tarifas do autobús, das máis altas de Galiza.

 

Os nacionalistas, que solicitan prezos populares para o autobús, lembran que no que vai de ano o autobús perdeu 255.000 usuarios e usuarias debidos, ademais da crise, á suba do billete á supresión do carril-bus, que provoca continuos atrasos.

 

Campaña en defensa do tren

Pola outra banda, o BNG continúa a campaña en defensa dos camiños de ferro, que levará mañá os e as nacionalistas a repartir material informativo e a recoller sinaturas na zona da estación do tren e da estación de autobuses. O acto central desta campaña, que impulsa o tren como transporte público, terá lugar este sábado en Betanzos, onde confluirán dous trens chegados desde Ferrol e desde A Coruña (sairemos de San Cristovo ás 17.30h).

 

O BNG solicita que se potencie o tren de proximidade, aproveitando as infraestruturas que xa existen, como as vías que veñen desde Ferrol, pasan polas vilas da comarca, polos polígonos industriais, polo Campus de Elviña e polo porto até o centro da cidade.

 

Un transporte público con prezos populares e frecuencias acaídas